Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que censurou a “estupidez política manifesta” demostrada polo presidente da Xunta nas súas intervencións posteriores.
O responsable socialista sinalou que, de acordo co informe dos bombeiros de Vigo, en só unha hora o 112 denegou a súa mobilización a pesares de situarse a 8 minutos do lume, e enviou aos de Cangas, Porriño e Ribadumia. Lembrou que a diferenza é que mentres os de Vigo son un servizo público municipal, os demais son xestionados por empresas privadas, entre elas FCC.
Advertiu que mentres o presidente da Xunta aseguraba que non faría distincións entre os bombeiros polo seu centro de traballo “si que distingue entre os sistemas” de xestión, priorizando o privado fronte ao público.
«Estupidez política»
Ademais, sinalou que a resposta pública do presidente da Xunta a esta crise constitúe unha “estupidez política manifesta” por canto agradeceu o traballo dos bombeiros, e en particular aos de Vigo por poñerse a disposición da central de emerxencias. A realidade, engadiu, é que “saltáronse a orde” de non acudir “porque o lume estaba chegando aos depósitos de amoníaco”.
Losada lembrou que o lume ameazou dous depósitos de 5.000 litros de amoníaco e produciuse precisamente a carón de varias vivendas e mesmo de dous estacións de servizo. Criticou ademais que Feijóo acusara ao alcalde de Vigo de “buscar culpables para non asumir responsabilidades” e ironizou co feito de que “vai resultar agora que a culpa do lume é do alcalde de Vigo”.
O deputado socialista lamentou o “escaso e lento aprendizaxe” demostrado polo goberno galego, que intentou aplicar neste sinistro o mesmo esquema do lume que en maio de 2009 fixo arder 18 naves no polígono industrial de Arteixo. Daquela a Xunta impediu a intervención dos bombeiros do parque municipal de A Coruña, situado a 3 quilómetros do lugar, e obrigou a acudir aos do parque mancomunado de Arteixo.
Alfonso Rueda
Pola súa banda, o vicepresidente Alfonso Rueda respostou negando que houbese ordes de que os bombeiros de Vigo desen a volta. «Non sei que facemos esperando; e se o problema é a movilización de bombeiros de Vigo, seguendo as instruccións de Caballero, o 112 procede a partir de agora a chamar inmediatamente sempre que haxa un incendio na isocrona, e despois que os bombeiros decidan cando saen», dixo.