As obras na N-552 para a dotación dunha glorieta á estrada que regule o tráfico de acceso a Cedeira e do futuro Mercadona continúan o seu ritmo e esta semana produciuse unha nova sinalización, que repercute de xeito notable no tráfico. Nos últimos meses, os dos carrís da estrada estaban pegados cun desvío, pero agora están separados por unha mediana e a distinta altura.
Este troco ten unha repercusión directa para os veciños do lugar porque supón a eliminación do acceso ó vial principal de Cedeira dende o carril con dirección a Vigo. Ata agora, os condutores procedentes de Redondela tiñan unha pequena parada con ceda ó paso entre os dous carrís. Dende alí podían esperar o momento adecuado para cruzar o carril contrario sen obstaculizar a estrada. Agora, coa nova sinalización, esta opción desaparece.
Os vehículos que tenten acceder agora á parroquia de Cedeira terán varias alternativas, aínda que todas elas supoñen dar un rodeo. A primeira e baixar uns metros para utilizar a saída da Portela para, dende alí, facer un cambio de dirección. A segunda opción e circular ata o cruce da Formiga e utilizar a estrada desta parroquia, máis estreita, para chegar a Cedeira. Este cruce ten unha menor visibilidade e, sobre todo, carece de zona central na que esperar para facer un ceda ó paso cunha maior seguridade.
Estas son as molestias coas que terán que convivir os veciños da zona durante as vindeiras semanas ata que rematen as obras da rotonda do Mercadona. A infraestrutura ten como misión regular os cruces do lugar para tentar facer máis fluído o tráfico.