A acción decorrerá este sábado 26 ás 11:00h e está enmarcada dentro da campaña que a nivel nacional está a desenvolver o Bloque dentro da súa ofensiva social e institucional para urxir a transferencia da AP-9 e rescate da actual concesión privada.
“O obxectivo é poñermos o foco na estafa que diariamente padecen os e as 20 mil usuarias desta autoestrada, que teñen que facer fronte a unhas peaxes elevadísimas por faceren uso dunha infraestrutura que hai moitos anos que está amortizada”, explica o responsábel comarcal do BNG de Vigo, Manuel Caride.
Caride salienta a boa acollida que ten recibido xa a campaña iniciada polo Bloque e chama ao conxunto da veciñanza da comarca a se sumar ao protesto do sábado. “O que comprobamos nos repartos informativos e nos actos públicos que realizamos na nosa comarca é que a fin das peaxes é un clamor masivo”. “Ninguén entende que a AP-9 non sexa xestionada desde Galiza e que siga en mans privadas”, acrecenta.
Desde o Bloque apostan na mobilización social para impedir que o Partido Popular finalmente vete en Madrid a iniciativa unánime do Parlamento de Galiza, na que se reclamaba a transferencia e rescate da autoestrada. “O Ministerio de Fomento xa amosou a súa oposición demostrando que o PP vota unha cousa en Galiza e defende o contrario en Madrid. Estamos certos de que rematar con esta aldraxe pasa por plantar cara con mobilización social”, explican.