A actividade organizada na cidade olívica é a décima e última parada polo percorrido que o programa da Deputación de Pontevedra fixo ao longo dos concellos da provincia, unha andaina que comezou en Nigrán e seguiu en Marín, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Silleda, A Estrada, O Porriño e Mondariz.
O alumnado que participa nesta xornada poderá iniciarse en distintas modalidades da cultura urbana, distribuídas en tres bloques temáticos de obradoiros. Deste xeito, a través de MusicArte, terán á súa disposición obradoiros de breakdance (unha práctica de baile que fomenta a superación persoal e a mellora da autoestima, á vez que estimula a creatividade), de turntablism DJ (a técnica consistente en mover un vinilo cara adiante e cara atrás sobre o prato do tocadiscos para crear un efecto similar ao de raiar o disco) e tamén de beatbox (creación musical –ritmos, melodías, efectos ou letras– soamente con recursos corporais, principalmente a boca).
A través do bloque temático de UrbanArte, as mozas e mozos que asistan ao evento poderán participar no obradoiro de graffiti, empregando os sprays para comunicar ideas, inquedanzas e preocupacións do presente e do futuro a través da pintura.
Por último, o bloque de CreArte incluirá un obradoiro de personalización de gorras trucker na que as persoas que participen deseñarán os seus nomes en letras de graffiti para plasmalos na parte frontal das súas gorras, dándolle un estilo propio e moi colorido.
Este ano, por vez primeira, o programa promovido pola institución provincial ten un compoñente inclusivo, para que mozas e mozos e monitoras e monitores con diversidade funcional tamén participen nas actividades de ‘DepoRÚArte’.