O Concello volve organizar este ano recreacións todos os xoves de xullo e mais o 2 e o 23 de agosto. Representaranse escenas como a celebración dunha voda na antiga Roma, a venda de escravos ou unha loita entre gladiadores. Todas as escenificacións comezarán ás 20.00 horas e se prolongarán durante dúas horas.
Ademais, o 11 de agosto, o Centro de Interpretación do Mundo romano sumarase á celebración da Noite Branca, con programación desde ás 20.00 ata ás 02.00 horas.
Os visitantes serán recibidos nas escaleiras con pétalos de flores. Nas ruínas mostrarase a vida na vila romana, onde cada personaxe interpretará o seu oficio. O patricio e a súa muller recibirán aos invitados á voda, que se representará no escenario cunha cerimonia oficiada por unha sacerdotisa, co banquete, unha venda de escravos, baile e loita de gladiadores. Como novidade, este ano haberá un paseo de soldados.
Para promover esta actividade divulgativa, algúns dos actores repartirán información sobre esta festa romana en diferentes puntos da cidade.