Tanto o alcalde como a presidenta manifestaron a súa «satisfacción» polo acordo e subliñaron a «extraordinaria relación» existente entre Concello e Deputación.
Abel Caballero e Carmela Silva asinaron esta mañá o convenio bilateral entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra para a remodelación dos recintos de fútbol base na cidade, cun investimento de case 600.000 euros ao 50% entre ambas administracións.
O convenio supón a remodelación destes sete campos de fútbol base da cidade, entre os que Caballero singularizou a substitución, no de Monte da Mina, en Castrelos, do terreo actual por un novo pavimento de herba sintética. A presidenta explicou que o acordo é unha ampliación dun subscrito con anterioridade, que permite a reforma do campo do Monte da Mina e amplía ata finais de 2016 o prazo de execución das obras.
O alcalde, en declaracións aos medios, trasladou a súa «satisfacción» polo contido do mesmo. «Asinar este convenio coa Deputación é da maior importancia para a cidade», apuntou Caballero, quen afirmou que «queremos ter este clima» e que Vigo sexa atendido polo ente provincial «co peso que lle corresponde».
Silva, pola súa banda, subliñou a «extraordinaria relación» existente agora entre Deputación e Concello de Vigo, despois dunha etapa de colaboración «nula» co anterior goberno provincial. «Esta é a sinatura do primeiro convenio» entre ambas institucións pero «haberá moitas máis» en 2016, asegurou a presidenta provincial.