É a cuarta sesión destes cursos que están avalados pola Sociedade Española de Neonatoloxía e que serven para a obtención do diploma en reanimación neonatal. Trátase de cursos intensivos, con teoría e práctica, de doce horas de duración e está impartido por profesionais do servizo de Pediatría.
Nesta cuarta edición do curso participaron 22 pediatras das distintas EOXI de Galicia, dos que algúns eran residentes de Pediatría. Seis facultativos foron os encargados de impartir as distintas sesións.
“Son grupos pequenos de participantes xa que desta forma é máis fácil que todos os asistentes teñan unha atención moi personificada”, sinala a pediatra do CHUVI Eva Colmenero, unha das responsables desta formación.
Maior importancia
A reanimación neonatal ten cada vez unha maior importancia, sobre todo polo incremento deste tipo de partos nos últimos anos.
Os datos indican que entre un 5 e un 10% dos bebés precisan algún tipo de axuda cardiorrespiratoria tras o nacemento, aínda que só un 1% necesita unha reanimación avanzada.
“Por ese motivo é bo que cada vez máis pediatras estean formados nas distintas técnicas de Reanimación Cardiopulmonar”, aclara a doutora Colmenero.
No Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se atopan as instalacións de partos da EOXI de Vigo, rexistráronse 3.928 nacementos en 2017, un 3% máis que o ano anterior. Deles, 326 foron bebés prematuros, un 8,3% do total. Houbo 34 considerados como grandes prematuros, é dicir cun peso inferior a un quilo no momento de nacer.