«Pese as reiteradas declaracións do alcalde de Vigo nas que prometía non multar aos coches mal estacionados nos viais do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, as traballadoras e usuarias deste hospital están a recibir sancións con data do pasado mes de maio, onde a denunciante é a antiga xerente da empresa concesionaria», apunta a central sindical nun comunicado.
O sindicato CIG asegura descoñecer os motivos do «cambio de criterio do Concello, non só no que se refire ás súas competencias no ordenamento do tráfico se non, o que nos parece máis grave, no inicio do proceso sancionador con carácter retroactivo obviando as súas promesas, entre as que incluía a de retirar vehículos mal estacionados que supuxeran problemas de seguridade pero non sancionalos».
Dende CIG-Saúde tamén denuncian os problemas de acceso ao Hospital nos horarios de maior afluencia, como son as entradas e saídas do persoal, agravados desde que se prohibiu o estacionamento en zonas non reguladas, sen ofertar outra alternativa que non sexa o aparcamento de pago da empresa concesionaria.
No comunicado solicitan ao Concello de Vigo e a Consellería de Sanidade a «apertura, acondicionamento e ordenamento» como aparcamentos gratuítos dos espazos existentes ao arredor do Hospital que poidan ser susceptibles de ser usados con ese fin e que na actualidade carecen de uso e están sen urbanizar. Tamén pide o reordenamento do tráfico «seguindo un criterio máis funcional para o transporte público e os servizos de transporte sanitario» e lembran que entre as promesas realizadas polo alcalde incluíase a apertura dun parking público «do que descoñecemos o estado no que se atopa na actualidade».