A Real Vila de Baiona remata este días os preparativos para a apertura este venres da Festa de Interese Turístico Internacional, unha cita xa tradicional na que se representa o paso do Medievo deixa ao Renacemento cun grande mercado.
Un total de 200 efectivos da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Grupo de Emerxencia Supramunicipal e Axencia Galega de Emerxencias participarán do 1 ao 3 de marzo no dispositivo de seguridade da Festa da Arribada.
O Concello de Baiona habilitará un ano máis un aparcamento de 10.000 prazas totalmente gratuíto no parque de Porto do Molle (Nigrán), dende onde partirán lanzadeiras (tamén gratuítas) cada media hora (o sábado de 11:00 a 24:00 horas e o domingo de 11:00 a 22:00 horas). Ademais, haberá de novo barcos que conectarán o porto de Baiona có de Panxón.
Nesta edición tamén haberá un sentido único de circulación para os peóns nas principais rúas do Casco Histórico. A medida, aprobada a proposta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), ten como obxectivo facer máis fluído o tránsito no casco vello e facilitar a mobilidade.
Moitas novidades
Entre as novidades deste ano destaca o Alpendre dos Bois, unha mostra etnográfica sobre a vida do Boi en Galicia, carros, arados, apeiros de labranza e instrumentos agrícolas de diversa índole. A Morada de Otto o Dragón e as Aves Xurásicas, un recuncho situado no Paseo Ribeira onde descansa o dragón e as aves que durante o mercado sairán a pasear polas rúas.
O Recuncho dos Monicreques na Rúa Carabela Pinta, no que os nenos e nenas darán renda solta á súa imaxinación da man dos contacontos e marionetas. O Campamento Circense, tamén na Carabela Pinta, obradoiros onde aprenderán as habilidades motrices dos acróbatas, como as bólas malabares, o prato chinés, os zancos e o monociclo.
Repetirán actividades que tanto éxito tiveron a edición pasada como a Alameda dos Aprendices, onde os máis pequenos poderán facer gravados de madeira, ourivaría, cerámica, repuxado de coiro, repostería, escritura gótica, acuñación de moedas, bordados e costura, tapices de época, lacrado, etc. A zona de Playmóbil Medieval na Rúa Carabela Pinta e que amplía o seu recinto, con castelos, piratas, bucaneiros, príncipes e princesas, damas e cabaleiros e multitude de personaxes Playmóbil con que xogar, soñar e facer as delicias dos máis pequenos.