• Nace Manuel Murguía e imprímese en Vigo «Cantares Gallegos»

    Tal día como hoy, en el año 1833...

    «Nace no lugar de Froxel, parroquia de Tirso de Oseiro, concello de Arteixo (A Coruña), cando a súa nai se encamiñaba ao santuario da Pastoriza, o que foi chamado «Patriarca das letras galegas», Manuel Martínez Murguía.

    A vinculación de Murguía á vida intelectual viguesa do último terzo do século XIX foi moi estreita e isto xustifica que sexa rexistrada a efeméride no noso «calendario». En efecto, foi Murguía o principal animador do xornal La Oliva -transformado temporalmente en El Miño-, de cuxa redacción formaba parte, xa que aínda que lle fora ofrecido a dirección, non puido aceptala pola necesidade de atender as súas obrigas de arquiveiro. En Vigo tivo Murguía íntimas amizades -Posada y Pereira, o impresor Compañel, os irmás Chao-, e aquí, no ano 1852 publicouse a súa segunda obra literaria, La primera luz, libro de lectura para emprego das escolas primarias de Galicia que contiña 27 leccións sobre historia e xeografía galegas e biografías de fillos ilustres de Galicia.

    Máis tarde, na imprenta de Joaquín Compañel, iniciaría a publicación do seu Diccionario de escritores gallegos (Vigo, 1862) que non chegou máis que a páxina 232 onde dá comenzo a biografía de Freire Castrillón, sendo hoxe unha buscada rareza bibliográfica. En 1856 editar tamén na nosa cidade e na antedita imprenta a súa novela Mi madre Antonia. Primera parte del libro de un loco, e, en fin, entre a súa fecunda e variada obra onde abondan as referencias á nosa cidade, lembramos a súa Viaje pintoresco por la ría de Vigo (Madrid, 1856).

    A esta relación de Murguía cos medios intelectuais vigueses débese tamén, sen dúbida, a impresión en Vigo, das primeiras edicións de varias obras de Rosalía de Castro, a súa esposa. Edicións que hoxe constitúen o lexítimo orgullo da cidade onde viron a luz aínda que non se teñan recollido amorosamente exemplares delas nalgunha biblioteca oficial. (O cal, naturalmente, conforme o tempo transcorre, cada vez se fai menos doado, porque nestes libros son xa presa cobizada de bibliófilos e bibliómanos). En Vigo publicou Rosalía por vez primeira a súa novela La hija del mar (1859), o libro de versos A mi madre (1863) e a súa inicial obra poética en linguna galega, Cantares gallegos, un 17 de maio de 1863.

    Xusto é que Vigo lembre nas páxinas da súa historia estas primacías que testemuñan lazos de amizade e simpatía entre o inmortal matrimonio e a nosa cidade».

    17 de maio de 1833Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Xerais, 2008).

    RelacionadosArtículos

    Más Vistos

    -

    ¡Bienvenido/a!

    Inicia sesión con los siguientes datos

    Recupera tu contraseña

    Introduce tu usuario y correo para resetear tu contraseña.