Na tradicional instalación temporal de Vigoarena, que cumpre unha década situada á beira do complexo deportivo de Samil, chega este venres a quenda para o balonmán praia ata o domingo. Esta modalidade, a máis importante pois se esperan 60 equipos e 600 xogadores, recolle a testemuña do volei-praia, que contou con 120 parellas superando as previsións máis optimistas da firma organizadora, Evento Global.
«En Vigoarena ofértanse outras actividades relacionadas co verán, coa praia, e desexamos que o cidadán as goce», explicou o edil. O Concello é patrocinador «principal», indicou Fernández, que ademais anunciou a novidade de que haberá Vigo Cup de fútbol praia como «unha actividade relacionada co torneo internacional de fútbol base».
O concelleiro estivo acompañado por Justo Olea, de Evento Global, e patrocinadores privados (María Troncoso por Coca-Cola Iberian Partners; Sara García por Ifitness e Gerard Cabré por Decathlon). Coca-Cola está presente no evento dende a súa primeira edición hai catorce anos «por un traballo ben feito que ofrece unha alternativa de lecer na praia». Todos os patrocinadores amosáronse felices por «colaborar e fomentar o deporte de Vigo».
Ademais de volei-praia e balonmán praia, o calendario de actividades ofrece o Cidade de Vigo de fútbol praia (24 ao 26), o de futvoley (2 de xullo) e a Vigo Cup de fútbol praia (7 ao 9 de xullo), xunto con outras actividades como cachibol (22 e 29) e palas praia (día 26).
A organización estima que polo Vigoarena pasarán uns 1.500 participantes.



















