O alcalde, Abel Caballero, asinou este xoves na Casa Consistorial os convenios de colaboración cos representantes de sete entidades deportivas viguesas de elite para o desenvolvemento da súa actividade ao longo da temporada 2015-2016.
Segundo explicou o rexedor vigués, as axudas que reciben os clubs deportivos de elite ascenden a 417.000 euros, dos 595.000 euros que o presuposto destina a esta categoría deportiva, e que se suman ao case 1.400.000 euros que o goberno local destina ao deporte de base. Cifras recollidas en diversas partidas.
Os convenios asinados contemplan unha axuda de 53.000 euros para o Amfiv de baloncesto en cadeira de rodas, o Club Deportivo Bosco de baloncesto recibirá 84.500 euros, 65.000 o Coruxo de fútbol, o Octavio Vigo de balonmán recibirá 114.500 euros e o Xuvenil de Teis de voleibol 30.000 euros. Estas axudas engádense ás xa coñecidas do Olivo (23.000 euros) e Club Vigo Voleibol (47.000).