O campionato contará con dúas modalidades, a de kata (masculina e feminina) e a de kumite-kobudo (por equipos mixta). No evento terán representación finalmente de nove clubs, ao confirmarse o desprazamento de deportistas do Lorenzo Parra de Madrid e do Shotokan Ribadavia (Ourense).
«É un torneo consolidado», explicou este venres o presidente do Zanshin, Fernando Álvarez, que lembrou que tamén competirán unha selección do Zanshin, entidade organizadora (Agrupación Deportiva Zanshin), o club Akai de Negreira (Santiago), o Mizukami asturiano, o Vila das Aves (Portugal) e as entidades deportivas locais Shotokan, Okinawa e San Salvador de Teis.
Na presentación do torneo, Álvarez garantiu o éxito do campionato e «unha importante asistencia de público». Nese acto estivo acompañado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e os karatekas sénior Óscar Sánchez, Esther Sieiro e Ana Táboas.
Por parte do Concello, que patrocina o campionato, Caballero animou á cidadanía a participar e resaltou a importancia do evento. «É, xunto coa Festa Infantil do karate, o máis importante do ano» desta disciplina”, subliñou.




















