A organización decidiu retrasar en hora e media o inicio da proba polas condicións meteorolóxicas. Aínda así, a calor e a humidade resultaban insoportables para os deportistas, que sabían que tiñan que hidratarse ben. O primeiro segmento, a natación, foi moi duro, con moitos golpes. Antonio chegou moi ben colocado á primeira aboia, pero nese intre foio agarrado e perdeu algúns segundos. Desta forma, saíu da auga na posición 24 a uns 20 segundos do primeiro clasificado, e non entrou no primeiro grupo duns dez homes que se formou na bicicleta.
Sabía que tocaba traballar e así o fixo para poder alcanzar aos que ían por diante, e na terceira volta xa formaba parte do grupo de cabeza, que, iso si, era moi numeroso, de case 40 unidades. Pero Serrat non se limitou a estar no grupo, sempre foi protagonista.
Ía nas primeiras posicións tirando e incluso tentou unha escapada na sétima volta, pero non contou coa colaboración de ningún triatleta e o pelotón puido alcanzalo cando comezaba a última volta. E aí xurdiu a escapada definitiva. Catro deportistas (Jorik Van Egdom, Sylvain Fridelance, Ryousuke Maeda e Shiruba Taniguchi) atacaron e lograron chegar a T2 cunha vantaxe de case 40 segundos sobre o grupo principal, no que estaba Antonio.
A carreira a pé sería decisiva, sobre todo por saber como ían acusar os participantes as altas temperaturas. Ademais, Antonio aínda arrastraba molestias nun pé, lesión que o tivo varias semanas sen poder adestrar a carreira. No inicio as sensacións do vigués foron espectaculares. Na primeira volta (2,5 quilómetros) logrou recortar dez segundos e ía na segunda posición, aparentemente moi forte. Pero chegou o flato. Na segunda volta, Serrat comezou a sentir unha forte dor abdominal e perdeu tempo moi rápido na segunda e na terceira volta, nas que apenas podía correr. Así foi caendo na clasificación e cando por fin comezou a sentirse un pouco mellor (última volta) xa non tiña marxe para recuperar o tempo perdido. Desta forma, rematou na 20ª posición cun tempo de 01:56:42.
O título de campión do mundo sub 23 foi para o holandés Jorik Van Egdom (01:52:39), que fixo todo o último segmento en solitario. A prata foi para o brasileiro Manoel Messias (01:53:00) e o bronce para o húngaro Bicsák Bence (01:53:02). David Castro, que saíu da auga en cabeza, afundiuse totalmente na bicicleta e non estivo na competición.