Na categoría masculina, Antonio Serrat logrou un estupendo quinto posto no Europeo sub 23. Ademais, esta boa actuación ten dobre mérito, porque o vigués non chegaba nas mellores condicións á proba, xa que a
semana pasada sufriu un tirón muscular na zona intercostal, que lle impediu render a bo nivel no Campionato de España de Autonomías (xa non competiu na proba de relevos). Durante a semana as molestias foron remitindo polo que se animou a participar no Europeo.
E de inicio as cousas non foron mal. O galego, que saíu da auga a uns trinta segundos dos primeiros, logrou remontar na bicicleta e entrar nun nutrido grupo cabeceiro. Así, chegou a T2 entre os mellores e iniciou a carreira a pe loitando polo podio. Nos últimos quilómetros quedou un pouco descolgado e ao final, a loita polo ouro foi para David Castro e Marc Austin (Gran Bretaña), con vitoria para o español que desta forma se proclamou campión de Europa sub 23 cun tempo de 01:45:26. A medalla de prata foi para Austin (01:45:29) e o bronce para o italiano Stateff (01:45:45). Por detrás, nunha gran remontada, Nan Oliveiras logrou superar a Antonio e acadou a cuarta posición (01:46:14), mentres que o vigués foi quinto (01:46:17).
A competición comezou coa proba feminina, na que Lucy Hall (Gran Bretaña) logrou o título de campioa de Europa sub 23. Magnífica actuación da británica que dominou dende o inicio. Saíu da auga na primeira posición, cuns 15 segundos de vantaxe e xa non abandonou en momento algún a primeira posición. Chegou a meta cun tempo de 01:59:15, mentres que a prata foi para a italiana Ilaria Zane (02:00:03) e o bronce para a portuguesa Melanie Santos (02:00:17). A primeira española en cruzar a liña de meta foi Anna Godoy na 11ª posición. As galegas non tiveron un bo día. Melina, que xa perdeu dous minutos na natación, foi sempre moi descolgada e so puido rematar na 27ª posición (02:13:04). Pola súa banda, Camila, que tamén quedou moi atrás dende o inicio, abandonou durante o segmento de bicicleta.
A proba sub 23 celebrouse sobre a distancia olímpica, polo que os deportistas tiveron que nadar 1.500 metros no lago de Banyoles, facer 40 quilómetros en bicicleta e correr 10 quilómetros.
Este domingo 26 celebraranse as probas de relevos. A xornada comezará ás 09:00 horas coa disputa do Campionato de Europa de Tríatlon Youth, que se efectúa únicamente na modalidade de relevos (masculino e feminino). España presentará dous equipos en cada categoría e Galicia terá representación: Iria Rodríguez e Marcos Ruíz son os deportistas galegos convocados pola Federación Española de Tríatlon para o Europeo Youth. A continuación (12:30 horas) celebrarase o Europeo de relevos sub 23. En relevos as distancias serán de 300 metros de natación, 6,6 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe.