No Concello, o rexedor felicitou ás deportistas viguesas polos seus últimos éxitos: clasificaron a catro conxuntos para o Campionato de España, en Murcia en decembro, e o seu conxunto benxamín foi bronce no Euskalgym de Vitoria, a competición nacional de máis prestixio. Ademais, da entidade deportiva recibiu unha bufanda co nome do club, do mesmo xeito que o edil.
Na rolda de prensa posterior, Caballero dixo que «o Maniotas ten grandes atletas de rítmica e é un dos clubs máis importantes de España, está entre os mellores», polo que animou á cidadanía a achegarse ao Trofeo Cidade de Vigo de conxuntos, o sábado 19 no Central das Travesas (11:00 horas).
O trofeo, con entrada gratuíta, contará con 130 ximnastas de toda Galicia, pero tamén de León e de Madrid, e 26 conxuntos, sendo a derradeira proba antes do Nacional (1 ao 4 de decembro).
«Sempre que o Maniotas organiza un evento este é magnífico», sinalou Caballero, que explicou que «a rítmica é unha disciplina dunha beleza excepcional; vela practicar, vivila, escoitala, sentir como estas mozas fan prodixios… é un gran espectáculo». Ademais, manifestou o seu convencemento de que «é unha disciplina social que crea fortaleza mental e disciplina, tan importantes na acción diaria».
Paula García, presidenta da entidade, agradeceu a alcalde e concelleiro que «cada ano estamos a recibir moita máis axuda co que o club pode seguir crecendo. Grazas a eles estámolo conseguindo. O Maniotas, ademais da escola de alta competición, ten unha escola de base moi importante xa que movemos ao redor de 700 nenas», tanto a través do programa municipal de escolas deportivas como nos colexios.
García recoñeceu que en cada evento que organizan «a xente dános os parabéns porque todo vai en orde e en tempo». Nesta ocasión, o trofeo contará cunha exhibición. Co Club Deportivo Ritmo de León acode a internacional española Sara Llana (19 anos). Está adestrada por Ruth Menéndez, a mesma que dirixiu a Carolina Rodríguez, tres veces olímpica española. «Aproveitaremos a súa presenza para aprender un pouquiño máis deste deporte», subliñou a presidenta.