Co obxectivo de seguir cumprindo o seu compromiso de «mellorar as infraestruturas deportivas da cidade» con instalacións «dignas», Abel Caballero asumiu «a responsabilidade e o reto» de proporcionarlle a Vigo un campo de béisbol que permita a práctica deportiva porque o actual, situado en Bembrive, non reúne as condicións idóneas para facelo, segundo explicou.
O alcalde fixo estas declaracións logo do encontro que mantivo este venres con representantes e xogadores do Trasnos Béisbol Club, un equipo de deporte base con mozos e mozas que practican e que compiten na liga de Galicia, Asturias ou Castela e León. Na xuntanza explicoulles que, ou ben no lugar onde se atopa o campo actualmente ou noutro alternativo «que xa temos estudado», se levará adiante a nova dotación deportiva.
Axudas a deportistas de elite
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a convocatoria de subvencións para potenciar a participación de deportistas de Vigo en competicións oficiais de alto nivel de carácter internacional na temporada 2015-2016. Un apoio que, segundo expuxo Caballero, beneficiou a 19 deportistas de elite cun investimento municipal de 33.000 euros.