O torneo cadete -para deportistas nados nos anos 2003, 2004 e 2005- contaba coa participación de 600 deportistas o que provocou que as e os deportistas tiveron que disputar ata seis combates en algunhas categorías.
Os ouros foron para Anxo Díaz (-53, Garrapucho) e Ainhoa García (-51, Couto). O camiño cara ao ouro para Anxo foi moi duro, xa que o galego tivo que disputar e vencer seis combates. Comezou a competición contra Joao Domínguez, ao que superou ampliamente para rematar na final ante Oier Ortiz, onde se impuxo con comodidade. O combate máis complicado foi en semifinais contra o representante de Cataluña, que foi onde tivo máis dificultades para vencer.
Pola súa banda, Ainhoa García superou na final a Alicia Rodríguez (Han Kuk), nun combate que comezou perdendo (4-0), pero a galega non perdeu a confianza e así logrou remontar para finalizar cun triunfo claro. Alicia Rodríguez en semifinais eliminará á galega Uxía Sanmarco. Ainhoa disputou un total de cinco combates.
Carla Diéguez (-29, Boudsport) caeu na final contra Amy Arina, do Gimnasio Dochang, nun combate que se decidiu pola diferenza no físico. Carla gañou con anterioridade dúas eliminatorias, nas que foi superior.
Lucía de la Iglesia (-37, Maniotas-Noia) foi outra das deportistas que tivo que facer seis combates. Realizou un campionato intachable, no que só caeu na loita polo ouro contra Laura Rodríguez (Han Kuk), que con anterioridade eliminara á galega María Ferreiro.
A terceira prata galega foi para Diana Siota (-47, Couto), que viaxaba co seu club. Diana pasou todas as eliminatorias por moita diferenza, ata a final na que só perdeu no punto de ouro, tras rematar o combate empatado.
Ademais houbo catro bronces galegos. Manuel Castro (-33, Boudsport) gañou catro combates e só perdeu na semifinal, de forma moi axustada, contra o catalán Dejan Ison, que ao final se proclamou campión de España.
René Costas (-61, Hebe) logrou clasificarse para a semifinal vencendo con claridade nas dúas primeiras roldas. Caeu na semifinal contra Cataluña, nun combate no que deu a cara en todo momento.
Uxía Sanmarco (-51, Tao) venceu tres combates e perdeu nas semifinais nunha apertada loita contra a competidora madrileña, que foi a que perdeu na final contra Ainhoa.
María Ferreiro, (-37, Couto) logrou a medalla de bronce, tras caer na semifinal contra Laura Rodríguez nun combate excepcional, que se decidiu no último segundo nun intercambio de golpes. Magnífico traballo o da galega.




















