Trátase dunha serie de propostas para que a comunidade universitaria poida gozar do seu tempo libre na contorna natural realizando actividades lúdicas e deportivas. Nesta ocasión, a oferta comprende marcha nórdica, parapente e pontismo, con diferentes grupos e datas.
A primeira das citas será esta fin de semana, cos primeiro grupos de parapente, para o que xa están cubertas todas as prazas. As persoas participantes desprazaranse ata Santa María de Oia e poderán probar esta experiencia de altos voos en colaboración co club Nortada. Un segundo grupo poderá probar esta modalidade na primeira fin de semana de maio.
Outra das opcións que ofrece Delecer para esta fin de semana é o pontismo, unha actividade que terá lugar no río Miño ao seu paso por Arbo en colaboración con Turnauga. A primeira data é este domingo 28 de abril e a segunda será o 11 de maio, para o que a matrícula está aínda aberta.
Finalmente, o día 11 de maio a cita será no campus de Vigo coa marcha nórdica en colaboración co Club Peña Trevinca – Montañeiros de Galicia. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 30 deste mes de abril.