Máis que Auga lanza 30 prazas de balde para as persoas que voluntariamente se presenten ao plan, 10 en cada un dos centros de Barreiro, Coia e Navia. Durante a súa iniciación no programa, os participantes estarán asesorados polos profesionais do complexo para comezar na súa andaina cara hábitos de vida saudables a través do deporte.
A colaboración de Máis que Auga en Vigo co Erasmus+ e a Fundación España Activa céntrase en mudar os hábitos sedentarios das persoas que participan no proxecto, poñendo ao seu servizo un protocolo de iniciación ao deporte con adestradores para que comecen a facer exercicio físico nas súas instalacións de xeito gratuíto durante un mes.
A actividade de todos os participantes estará monitorizada e guiada a través da aplicación ‘Let’s be Active’, que lles enviará constantemente mensaxes de motivación e apoio. A app permitirá aos participantes coñecer os progresos ao remate da iniciativa, tanto despois do primeiro mes de exercicio, como nos seis meses seguintes, para saber se a súa experiencia conseguiu o obxectivo de activalos.
‘Let’s be Active’ é unha iniciativa para impulsar a actividade física en Europa, que ten como fin conseguir que 60.000 adultos inactivos de 8 países comecen a activarse para alcanzar unha vida máis saudable e plena.
Como participar no proxecto
Calquera persoa inactiva que desexe iniciarse no exercicio físico, pode enviar os seus datos dende hoxe a través da páxina web de Máis que Auga (www.maisqueauga.com) para solicitar a participación no programa, indicando a súa persoa de contacto entre os 20.100 socios de Máis que Auga.
O primeiro adestramento será o vindeiro 30 de xaneiro. Ao longo dun mes, afianzará distintas rutinas de exercicios nas salas ‘fitness’ dos centros, nas clases dirixidas, entre as que se encontran zumba, ‘bodypump’ ou bicicleta, e tamén nas súas piscinas.