21082019Mié
Última edición: Mié, 21 Ago 2019 11am

FÚTBOL GAÉLICO

O fútbol gaélico, conexión meiga entre Galicia e Irlanda

O Keltoi, equipo vigués de fútbol gaélico, busca xogadores para ampliar os equipos e crear a formación feminina

30 Noviembre 2015 por
O Keltoi é o único equipo de Vigo que compite na competición galega oficial de fútbol gaélico. O Keltoi é o único equipo de Vigo que compite na competición galega oficial de fútbol gaélico.

O fútbol gaélico é o deporte con máis seguidores en Irlanda. Case unha relixión e unha reliquia. Encravado no pasado, non se admiten os xogadores profesionais e continúa sendo unha confrontación entre rexións. Onde naces, alí xogas.

Fóra da illa do trevo, a súa presenza é case anecdótica, salvo en escasos lugares. Igual polo influxo celta, por algún tipo de meigallo, en Galicia e na Bretaña francesa arraigou moito máis que noutros lugares. A explicación non é doada, nin sequera razoable, pero na comunidade autónoma galega existen máis equipos que no resto do estado español e na Europa continental.

En Vigo, o deporte que mistura fútbol e rugby, aínda que máis ben os tres son derivacións de xogos nados no actual Reino Unido e que se perden nos tempos remotos, ten dous representantes o Ambílokwoi (mixto) e o Keltoi. O segundo forma parte da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, a única recoñecida pola Asociación Atlética Gaélica (GAA), a entidade reguladora deste deporte. Cun equipo na segunda categoría galega, porque existen dúas divisións, o Keltoi busca ampliar o número de xogadores para "poder ter un segundo equipo e tamén un feminino. Agora hai sete ou oito rapazas, pero non chega para completar un equipo. É preciso ter algunha máis para poder afrontar toda a tempada con garantías", afirma Declan Lyons, un dos responsables do equipo.

Para explicar a modalidade deportiva, o irlandés explica que "hai que estar en boa forma, ten unhas cousas de fútbol e algunhas de rugby e, sobre todo, é moi divertido. Pásase moi ben e o ambiente é moi bo. Despois de cada partido facemos un terceiro tempo e confraternizamos todos". É dicir, igual que no deporte do balón oval, co comparte filosofía e Declan matiza que "non é copiar, é a nosa propia. Pode ser parecida, pero o fútbol gaélico ten a súa personalidade".

O irlandés indica que a maioría de xogadores do equipo vigués son galegos salvo catro orixinarios da propia Irlanda, un de Swazilandia e un escocés. "O fútbol gaélico tivo un ascenso meteórico en Galicia. Fai cinco anos case non había equipos e agora, na Asociación Galega hai dúas categorías masculinas e unha feminina con dezanove equipos. En toda Europa, soamente na Bretaña alcanzou esta popularidade e vai a máis", indicou Declan Lyons e engadiu que "no noso equipo temos a Daniel Lima, que forma parte da selección galega e a nosa idea é, pouco a pouco, poder ir crecendo como no seu día fixo o Vigo Rugby. Comezou por pouco e xa estiveron na máxima categoría".

keltoi5

O balón é esférico, pódese pasar coa man ou co pé. Pódese xogar coa man ou co pé. As marcaxes son individuais e, incluso, hai dúas formas de subir puntos ó marcador. A portería é unha H de rugby, pero no rectángulo inferior existe unha rede como nas de fútbol. Por enriba vale un punto, por debaixo tres, pero o porteiro está polo medio para tentar impedir o gol ou anotación. O futbolista gaélico é o que debe elixir. Admítese o contacto co ombreiro, pero non as placaxes pechando os brazos. En definitiva, unha variedade peculiar que o Keltoi tenta de espallar por Vigo e que garante diversión.

"Xogamos os partidos en Samil, pero para os adestramentos temos que ir a Mos. Creo que temos pouco apoio, gustaríanos ter máis. Gustaríanos ter un campo para poder adestrar tamén na cidade porque ó ter que desprazarnos fáisenos incómodo e tamén fai que os interesados non veñan. Ó ser un deporte non federado, porque non existe o número de equipos necesario, non temos preferencia para a asignación dos horarios dos campos", indicou Declan Lyons.

É a pequena loita do Keltoi nas oficinas. Ó mesmo tempo busca aumentar os equipos e rematar por formar un conxunto feminino. Un deses retos que fai especial ilusión a unha entidade viguesa que é como un neno pequeno que comeza a camiñar pola beira da Ría de Vigo. En cada paso introduce o fútbol gaélico e un pouco da cultura irlandesa e celta na cidade. Porque xa se sabe que, ó final, cada partido é a escusa para facer o terceiro tempo. Este axioma é idéntico para o fútbol gaélico e o rugby. Contacto co Keltoi.

 

Inicia sesión para enviar comentarios

navidad 2019

obras

fiesta

terremoto

proyectos

  • Últimas noticias

  • Más leído