15102019Mar
Última edición: Mar, 15 Oct 2019 3pm

Echegoyen, Pereira, Rodríguez ou Wizner, protagonistas da Gala do Deporte provincial

Máis de douscentos deportistas de alto nivel, promesas, personalidades históricas, autoridades e público en xeral encheron os exteriores do Pazo de Pontevedra

13 Septiembre 2019 por
Valora este artículo
(1 Voto)
Foto de familia na escalinata do Pazo. / Deputación de Pontevedra Foto de familia na escalinata do Pazo. / Deputación de Pontevedra

A escalinata exterior do Pazo da Deputación foi este xoves escenario da primeira Gala do Deporte de Elite que impulsou a institución provincial para render homenaxe e recoñecer ás figuras dos e das deportistas de alto nivel e promesas do deporte: “Heroínas e heroes. Sodes un exemplo e queremos, con este acto, rendervos unha homenaxe de toda a provincia. Unha homenaxe a vós e ás vosas familias, polo seu compromiso, por non renderse nunca”, manifestou Carmela Silva. 

A presidenta da Deputación, acompañada das deputadas e dos deputados provinciais e de alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras, co acompañamento musical de Two Mirror e a actuación das/os ximnastas rítmicas de Treboada, participou activamente nun emotivo acto no que se rendeu homenaxe a máis de 112 deportistas que acadaron a categoría DepoDan e a máis de 71 DepoPromesa, que reciben, deste xeito, apoio da institución provincial para participar en competicións deportivas. “Os vosos éxitos son os éxitos deste territorio. Vivimos no paraíso e vós sodes o mellor deste paraíso”, asegurou Silva.

Na Gala do Deporte de Élite atopábanse, entre outros, deportistas como Pablo Graña, Jenifer Casal, Támara Echegoyen, Solange Pereira, Nico Rodríguez, Martín Wizner, José Antonio Saavedra, Pablo Dapena, Susana Alonso, Raquel Meaños, Rodrigo Conde, Carla Frieiro, Antonio Serrat, Pedro Ameneiro e Paloma e Paula González Esteban. Moitos e moitas deles e delas tiveron a oportunidade de compartir as súas experiencias e vivencias. Outros e outras, como os piragüistas Rodrigo Germade, Teresa Portela, Antia Jácome, Sergio Vallejo ou Adrián Siero non puideron estar presentes no acto por compromisos deportivos, en concreto por estar participando no Test Olímpico.

Ademais, tamén participaron iconas do deporte pontevedrés como Carlos Pérez (atleta nas Olimpíadas de México 1968), Franco Cobas e José Luis (remeiros en México 1968), así como, Álvaro Pino e Cristina Fernández. Tanto o ex ciclista, gañador da Volta Ciclista a España en 1986, como a ex árbitra internacional relataron experiencias da súa traxectoria deportiva e remarcaron a importancia do esforzo, do sacrificio e do traballo que hai detrás dos éxitos. Un esforzo “extra” para as mulleres, tal e como relatou Cristina Fernández, quen asegurou que “hai que loitar moito para chegar, pero tamén seguir loitando para manterse”.

Como presidenta, pero sobre todo como nai dun deportista de alto nivel, Carmela Silva falou da capacidade das persoas deportistas para xestionar o éxito e os fracasos e apostar por unha forma de vivir e relacionarse co mundo. “Son nai dun deportista de elite e teño vivido en primeira persoa bágoas, temor a non conseguir os obxectivos. Teño vivido fracasos e éxitos; renuncias do meu fillo a saír coas súas amigas e amigos, a non comer o que lle apetece. Téñoo visto chorar cando se lesionaba e estaba no momento máis importante da súa carreira e ter que volver a comezar de novo…”.

A presidenta provincial fixo fincapé tamén na importancia do escenario escollido para a homenaxe: no espazo público, “o espazo que é da xente e onde está a xente. Queríamos estar na rúa para que todas e todos vos escoitaran xa que nesta administración facemos todo o que podemos para apoiar o deporte, porque é a nosa obriga e o voso dereito”.

Inicia sesión para enviar comentarios

vigo

economía

economía

  • Últimas noticias

  • Más leído