06122019Vie
Última edición: Vie, 06 Dic 2019 12pm

Cangas saca peito coa homenaxe aos seus piragüistas

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, destacou á provincia “como un referente mundial” e transmitiu os parabéns a Teresa Portela, Rodrigo Germade, Pablo Graña e David Barreiro

30 Agosto 2019 por
Valora este artículo
(1 Voto)
O deputado Gorka Gómez cos palistas en Cangas. / Foto: Deputación O deputado Gorka Gómez cos palistas en Cangas. / Foto: Deputación

A Deputación de Pontevedra sumouse este venres á merecida homenaxe do concello de Cangas a Teresa Portela, Rodrigo Germade, Pablo Graña e David Barreiro, catro grandes do piragüismo, de orixe cangués, que veñen de completar unha gran actuación no Mundial celebrado en Szeged, Hungría.

Na vila do Morrazo estivo presente o deputado de deportes, Gorka Gómez, que subliñou “o excelente momento do deporte pontevedrés”. Para mostra, a e os protagonistas da cita, que chegaron cargados de alegría e éxitos a un acto ao que asistiu Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas.

Teresa Portela, Rodrigo Germade e Pablo Graña, xunto a Pedro Vázquez Llenín e a deportistas doutros puntos da provincia, volveron do Mundial cunha medalla na maleta, amosando novamente que Pontevedra é unha terra de referencia no piragüismo mundial. En Szeged, Teresa Portela conseguiu a medalla de prata en K-1 200 metros, a súa decimoquinta medalla mundialista. A piragüista, lenda do deporte español, acadou con este resultado a clasificación olímpica para España, o mesmo que fixo Rodrigo Germade como integrante do K-4 500 metros. De confirmarse oficialmente a presencia de ambos en Pekín 2020, suporía a sexta participación para Teresa, converténdose na primeira muller en conseguilo, e a segunda para Rodrigo, que foi quinto en Río de Xaneiro 2016.

Sobre a piragüista canguesa, Gorka Gómez resaltou que “unha das liñas da Deputación é o apoio sen fisuras ao deporte feminino e polo tanto é para nós unha honra poder contar na nosa provincia cunha figura como Teresa Portela, que representa os valores do deporte e que dignifica o papel da muller na sociedade, dándolle a relevancia que debe ter e que en moitos casos, por desgraza, non ten”. Pola súa banda, Pablo Graña proclamouse campión do mundo en C-2 200 metros, unha distancia que non é olímpica. El, xunto ao tamén homenaxeado David Barreiro, son dúas das grandes promesas do piragüismo español. Barreiro, de 20 anos coma Pablo Graña, foi octavo en C-1 500 metros

No acto, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, dirixiuse á e aos deportistas para valorar o seu traballo, xa que “o deporte leva consigo unha cultura de sacrificio e esforzo que serve para calquera ámbito de vida”. Pola súa banda, Gorka Gómez tamén quixo aproveitar o acto para destacar que “o esforzo persoal e familiar que se fai nun deporte como o piragüismo da aínda máis valor aos éxitos deportivos que veñen de acadar. As veces deportistas coma vós non teñen o apoio que merecedes e por iso institucións como a Deputación de Pontevedra debemos estar aí, apoiándovos incondicionalmente porque sodes exemplos para os cativos e tedes a capacidade de fomentar os hábitos de vida saudables”.

A homenaxe celébrase un día antes deste sábado que pode ser moi importante para o deporte pontevedrés. Por unha banda, o moañés Rodrigo Conde participará na final do Mundial de Remo na clase “dobre scull lixeiro”, e o fai xa coa garantía de ter conseguido para España a clasificación olímpica, billete que, presumiblemente, será para el e o seu compañeiro de embarcación, o catalán Manel Balastegui. Por outra banda, o triatleta Javier Gómez Noya competirá en Suiza na Gran Final das Series Mundiais, cita á que chega en terceira posición do ranking e na que xogarase unha nova medalla mundial. A Deputación de Pontevedra desexa moita sorte aos dous deportistas, exemplos do talento deportivo que alberga a provincia.

Inicia sesión para enviar comentarios

medio ambiente

navidad

vigo

ocio

  • Últimas noticias

  • Más leído