23062018Sáb
Última edición: Sáb, 23 Jun 2018 10am

Vigo acollerá unha Gala do Deporte Feminino Galego moi local

María Araújo, Susana Rodríguez, Noelia Pérez ou o Atlético Guardés recollerán os premios que recoñecen o seu labor durante 2017

25 Mayo 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
María Araújo recollerá o premio a mellor deportista galega de 2017. / Foto: FEB María Araújo recollerá o premio a mellor deportista galega de 2017. / Foto: FEB

María Pérez Araújo, Susana Rodríguez, Marta Bobo, Melania Rodríguez ou o Atlético Guardés serán algunhas das protagonistas da Gala do Deporte Feminino Galego, que se celebrará en Vigo o próximo día 21 de xuño. No transcurso deste evento, organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra, procederase a entrega dos VI Premios do Deporte Feminino Galego, correspondentes ao ano 2017, convocados por Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá).

A cita é o 21 de xuño (20:00 horas) no teatro García Barbón. Con estes premios, Mudegá busca lograr que os éxitos do deporte feminino, moitas veces esquecidos, sexan recoñecidos pola sociedade. O pasado martes 22 de maio reuniuse o xurado (formado por representantes de federacións deportivas, do CGTD, xornalistas, deportistas, Deputación Provincial e a propia asociación Mudegá) para estudar as candidaturas presentadas tanto por federacións coma clubs ou persoas a nivel  particular.

O xurado salientou as “magníficas candidaturas” presentadas que fixeron moi complicado o seu traballo, que tiña que elixir entre medallistas mundiais e europeas, olímpicas, directivas cunha espectacular traxectoria, clubs cunha longa historia, xente nova que está a destacar...

Así, a xogadora viguesa de baloncesto María Araújo foi elixida como mellor deportista galega do 2017, nun ano máxico para ela no que fixo unha magnífica tempada co Universitario de Ferrol e ademais acadou con España o Campionato Europeo sub 20 e foi elixida membro do quinteto ideal e mellor xogadora do torneo (MVP).

Ademais, a tamén viguesa Susana Rodríguez Gacio volve vencer na categoría de deportista con diversidade funcional, ao proclamarse subcampioa do Mundo de paratríatlon en Rotterdam, así como no Europeo.

O Atlético Guardés, primeiro club galego que logrou o título de Liga na máxima categoría do balonmán feminino español, recibirá o premio ao mellor equipo, mentres que o Halterofilia Coruña será o mellor club nun ano redondo xa que gañou en todas as categorías nas que se celebran campionatos de España por clubs femininos e tamén con participación en todas as competicións internacionais (excepto Europeo sub 15, ao que España non asistiu por motivos políticos ao celebrarse en Kosovo).

Na categoría de adestradora o premio será ‘ex aequo’ para a seleccionadora galega da modalidade de técnica da Federación Galega de Taekwondo, Noelia Pérez, do Hebe de Moaña, e para a adestradora ourensá Isaura Hermida, que leva dende o ano 1986 traballando na ximnasia e acadando grandes resultados.

A ximnasta Melania Rodríguez -campioa do mundo júnior de doble minitramp- recibirá o galardón de mellor deportista promesa do ano; mentres que a mítica ximnasta de rítmica Marta Bobó será premiada pola súa espectacular traxectoria deportiva.

Ademais, Zulema González (primeira árbitra galega de Terceira División e árbitra da primeira categoría do fútbol feminino) é a mellor árbitra do ano 2017. Carmen Barro, presidenta da Federación Galega de Kárate dende 2009, foi recoñecida como mellor directiva do ano. O premio “xornalista polo deporte feminino” foi o xornalista Antonio López da Radio Galega, polo seu programa Galicia en Toquio, dedicado as e aos deportistas galegos con opcións de clasificarse para os Xogos, e nos que teñen cabida en igualade de condicións as deportistas galegas.

Entidades e iniciativas
O premio para a entidade privada máis colaboradora é para Maquinaria Durán, patrocinadora nos once últimos anos do Ensino Lugo de baloncesto, mentres que o premio para a entidade pública foi para o Concello de Pontevedra, pola súa aposta polo deporte en igualdade.

Na iniciativa a prol do deporte tamén houbo dous premios ‘ex aequo’: para o Grupo de Estudos de Xénero da Actividade Física e do Deporte do INEF da Coruña, que leva nove anos traballando no ámbito deportivo cunha perspectiva de xénero, e para o programa ‘O Xénero nos Ollos’ desenvolvido polas profesoras da Universidade de Vigo Ana Rey Cao e Alba González Palomares. É unha actividade destinada a alumnado a partir de dez anos coa que se pretende dar “estratexias para educar con (e pese ás) fotografías dos materiais curriculares”.

Mención especial
No transcurso da gala, tamén se entregará unha mención especial, que será para a atleta Julia Vaquero (dúas veces subcampioa de Europa de cross e novena nos 10.000 metros lisos Xogos Olímpicos de Atlanta).

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

arte urbano

música

viaxes

  • Últimas noticias

  • Más leído