Moi boa actuación do equipo de relevos mixtos galego, con Sara Guerrero, Alberto Castiñeira, Joselyn Brea e Iván Cáceres. Os
galegos estiveron sempre nas primeiras posicións para finalmente lograr un bronce para Galicia. A primeira posta foi para Sara Guerrero, que entregou o relevo na sexta posición. Alberto Castiñeira fixo unha moi boa posta –xa na saída da auga ía cuarto- e remontou algunhas posición para dar a saída a Joselyn Brea como terceira. Brea tivo unha grandísima actuación e logrou remontar para entregar a testemuña a Iván Cáceres na segunda posición, por detrás de Valencia e por diante de Cataluña.
Finalmente, Cáceres logrou confirmar a praza de podio e entrou en meta na terceira posición por detrás de Valencia e Cataluña. Esta terceira posición fixo escalar a Galicia ata a cuarta posición e quedou a dous puntos da medalla de bronce, que foi para Andalucía.
Escolar
Na proba escolar, Galicia non logrou unha boa posición, a pesar das gañas e o esforzo dos nosos rapaces. Henar Cons foi a primeira relevista e estivo en cabeza ata a T-2, pero a partir de aí, perdeu posicións. Jorge González remontou ata estar disputando o terceiro e cuarto posto no terceiro segmento, pero pagou o esforzo inicial e na carreira a pe perdeu gran parte do tempo recuperado.
A terceira posta foi para Natalia Castro que, despois de nadar moi ben, sufriu unha penalización por deixar o dorsal atrás, e caeu varios postos na clasificación. O último en participar foi Esteban Basanta, que fixo unha moi boa posta e logrou recuperar unha posición, pero a carreira xa estaba moi estirada e había poucas posibilidades de limar postos. Así Galicia foi novena na proba de relevos, o que lle fixo baixar ata a sétima posición na clasificación xeral por autonomías.