Carmela Silva asegurou que a cuarta edición de “Aprendendo a Xogar” se converterá nun acontecemento “extraordinario” e de grande calidade técnica. Ao respecto, Silva subliñou o incremento do número de nenos e nenas que se están a inscribir pasando “das 780 nenas e nenos que participaron o ano pasado aos 1.050 participantes procedentes de toda a provincia de Pontevedra que, a día de hoxe, están inscritos”.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra tamén quixo agradecer o papel “das adestradoras e adestradores, das voluntarias e voluntarios, e de todas e todos aqueles que están a formar e a traballar no ámbito deportivo, facendo e construíndo provincia e impulsando actividades que, sen dúbida algunha, quedarán marcadas nas mentes das nenas e dos nenos e nos permitirán construír mellores cidadás e cidadáns”. Neste contexto, Silva fixo fincapé a que, amais da práctica de ata 30 modalidades deportivas, “Aprendendo a xogar” tamén achegará ás pequenas e pequenos formación en primeiros auxilios, igualdade de xénero, xogos populares ou ata reciclaxe.
Pola súa banda, o Presidente do Coruxo F.C., incidiu na importancia da colaboración da Deputación de Pontevedra, “que está cada día máis interesada e participativa coa organización deste campus e nos incentiva para que o fagamos un pouco mellor cada ano”.