A proba atlética, que ten un custo de inscrición de 8 euros -con dúas entradas aos salóns para cada inscrito-, discorrerá nun 80% polos montes de Cotogrande, con saída e chegada no interior dos pavillóns de Ifevi, tendo así certo aliciente de competición indoor. A inscrición pode tramitarse na web www.championchipnorte.com.
Dende a organización, Alba Sánchez apuntou que é «un salón único con espazo para o deporte e para impulsar deportes económicos, sans e eficaces», que se situará no pavillón 2 de Ifevi. Este espazo de «lecer e de negocio», segundo explicou, aínda ten aberta a posibilidade de incorporar novas firmas expositoras aos stands e pretende ser a referencia do sector «no noroeste peninsular».
A presentación do salón tivo lugar este venres. Nela participaron o corredor Daniel Bargiela e os bikers Manuel Ferreiro e Daniel Iglesias. Con eles estivo o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que se atreveu a montar nunha bicicleta de trial e bromeou cos organizadores sobre a súa pericia sobre as dúas rodas.