A viguesa enfronta este ano novos retos, xa que ten que compaxinar o adestramento co traballo, pero coa ilusión de sempre. Esta era a primeira proba da tempada e ademais un estreo, xa que este ano púxose en marcha un circuíto de Series Mundiais, semellante aos de elite, que aporta moitos puntos para o ránking mundial.
A de Gold Coast foi a primeira proba deste circuíto (son tres en total) e Susana e a súa guía Mabel Gallardo viaxaban coa intención de facer podio. E as cousas comezaron ben. Foron as primeiras en saír da auga, cuns segundos de vantaxe sobre a australiana Katie Kelly. O segmento da bicicleta foi o máis frouxo para elas, o que lles levou a perder algúns postos, mentres que seguía en cabeza Kelly con Elisabeth Baker (USA) moi preto.
Pero na carreira a pé, a australiana desapareceu, mentres que Baker foi a máis rápida para conseguir a vitoria (01:06:50). Por detrás, Susana ía a moi bo ritmo e logrou o segundo mellor parcial neste segmento para acadar así a medalla de prata (01:07:24). Magnífico debut nas Series Mundiais de Paratríatlon para Susana Rodríguez, que xa pensa na próxima proba, que será en Yokohama dentro dun mes (13 de maio).



















