A Liga Concello de Vigo é un evento importante compartido pola Concellería de Deportes, o C.N. Vigo Rías Baixas e a Fundación VIDE en colaboración con Foanpas.
Uns 500 nenos e nenas de máis de trinta colexios compiten este domingo (9:00 horas) na piscina do Carme, no complexo municipal das Travesas. «Esta iniciativa correspóndese cunha demanda e vontade do Concello para desenvolver novos programas para os escolares vigueses», sinalou o edil de Deportes, que subliñou que a inscrición para a segunda xornada, xa o 23 de abril, está aberta.
As xornadas da Liga 2017 serán tres, rematando coa terceira data o 28 de maio. Como en anos anteriores, as categorías son dúas: benxamín (nacidos de 2005 ao 2008, 8 a 11 anos) en promesa (de 2009 a 2011, 5 a 7 anos). O tope de inscrición e de 500 nadadores por xornada e para este domingo xa son 460. Como o ano anterior, haberá récord de inscritos.
«Imos loitar por acadar en 2018 o milleiro de nenos», sinalou Vázquez, que agradeceu o apoio total do Concello a esta iniciativa. Elena Rodríguez, representante de Foanpas, o nexo de unión cos centros de ensino, lembrou que esta acción municipal «forma aos nenos e nenas no hábito deportivo para acadar unha sociedade saudable»
Haberá premios para todos porque «máis que un torneo competitivo é unha liga de carácter participativo», dixo o concelleiro, que lembrou que tamén haberá trofeos para os tres colexios mellores e para os colexios con maior nivel de participación, entre outros premios.
O Colexio Apóstol Santiago (Xesuítas) é o campión tanto polos seus resultados como polo número de nadadores inscritos.




















