A competición, de defensa persoal, reunirá durante dúas horas a karatecas dos colexios Compañía de María e San Salvador de Teis, a outros do programa municipal de escolas deportivas, ademais de valores dos clubs Shotokan e Okinawa.
O presidente e fundador da A.D. Zanshin, Fernando Álvarez, explicou na presentación da festa que o cheo nas bancadas «está garantido», e o alcalde da cidade, que foi recibido por catro rapaces do Shotokan (Natalia Martín, María Corredera, Elisa da Torre e Xián Bouzó) cun movemento denominado «man de sabre», puxo en valor «a importancia desta festa infantil» e o seu persoal «respecto polo gran traballo de Fernando Álvarez».
Caballero asegurou que o público vaise atopar «cun espectáculo marabilloso», aínda que pediu ademais aos afeccionados que observen «a filosofía que se aplica, porque é unha filosofía deportiva pero tamén é unha forma de entender a vida dende o acougo, a proximidade e o exercicio físico, e dende as mellores virtudes das persoas».
A Festa Infantil do Karate cumpre tres décadas e é a referencia desta modalidade xunto co Trofeo Cidade de Vigo, que tamén organiza o Zanshin en novembro.
O club completará as dúas horas de festa cunha exhibición de tai chi e tamén con demostracións de karate de profesores e alumnos que participan en competicións federadas.