No segundo verán consecutivo que se celebra a competición, esta mudou a praia do Vao pola de Samil, engadindo ademais o complexo deportivo municipal para recibir a 300 atletas de todo o país, Francia e Portugal. Este sábado a natación abrirá as probas ás 9:00 horas e polo serán coñeceranse os equipos eliminados, a metade dos 60 inscritos. Así, o domingo manteranse en liza quince equipos Pro e outros tantos Elite.
«É unha especie de acción multideportiva de grandes atletas e unha actividade prácticamente imposible de imaxinar porque fan natación, corren, realizan probas de ximnasio, halterofilia…», explicou o alcalde, que invitou á cidadanía a seguir esta «especie de decatlón pero ilustrado, máis complicado», porque «ao aire libre vai ser un espectáculo».
O rexedor considerou unha «actividade excepcional» a proba pois ao contar con «atletas de todas partes estamos a falar dunha gran acción». Caballero celebrou a multitude de iniciativas deportivas que se dan en Vigo e cualificou este campionato de crossfit como «unha das formas de entender o deporte total na cidade».
Dende a organización, Gustavo Veloso indicou que «esta é a miña paixón», que desenvolve dende hai seis anos. «O crossfit busca que o atleta se desenrole en calquera ámbito, que poida desempeñar calquera desafío físico», indicou, e por iso organizou un torneo por equipos mixtos de cinco participantes por grupo.
A Vigo battle of teams vivirá o esforzo dos deportistas entre a praia e o propio complexo deportivo de Samil. Mentres o ano pasado foi unha proba dun día, con equipos do norte, agora son de toda España (Barcelona, Valencia, Granada, Madrid, Valladolid, San Sebastián…) e se estruturou en dúas datas para darlle tamén un matiz turístico.