Dende as peñas celtistas que participan deste comunicado queremos amosar a nosa desconformidade co reparto de entradas feito para o próximo derbi na Coruña.
Entendendo que o baixo número de entradas dispoñibles fai que sexa imposible satisfacer toda a demanda, creemos que o sistema elixido para a distribución discrimina e prexudica gravemente aos abonados non residentes en Vigo e aos peñistas.
Facer que só se poidan retirar as entradas de dúas en dúas en persoa e coa documentación correspondente, en día laborable e avisando deste feito con menos de 24h de antelación é, en realidade, impedir que practicamente ningún abonado non residente en Vigo ou arredores poida adquirir as entradas.
Con esta medida o Real Club Celta converte aos abonados de fóra de Vigo en abonados de segunda clase e con menos dereitos.
En canto ás peñas, que facemos moitos quilómetros ao longo do ano para apoiar ao noso equipo, ben sexa cada quince días en Balaídos ou ben en desprazamentos a outros estadios, superando moitos requisitos e controis documentais, ignórasenos e déixasenos fóra de do desprazamento máis significativo do ano para o Celtismo. Chegando esta media ao absurdo cando deixa fóra do reparto de entradas ás peñas que hai na cidade da Coruña.
A imaxe que queda é que as peñas só importan cando se viven malos momentos ou cando as viaxes son de longa distancia e só elas están dispostas a viaxar.
Preguntámonos nestes momentos para que pertencemos a unha Federación de Peñas que todos os anos firma un convenio co Celta no que se inclúe como se xestionarán as entradas de afección visitante.
Quedamos coa sensación de que se apostou polo método máis sinxelo para o clube dende o punto de vista loxístico, apresuradamente, sen dialogar e sen pensar en tódolos colectivos afectados pola decisión.
ESIXIMOS QUE NO FUTURO SE TRATE A TODOS OS ABONADOS POR IGUAL INDEPENTEMENTE DO SEU LUGAR DE RESIDENCIA E QUE SE SEXA XUSTO COS PEÑISTAS QUE TRABALLAN A COTÍO PARA FACER MÁIS GRANDE A ESTE CLUBE
*Este comunicado está asinado polas 60 peñas que aparecen no comunicado. Preferencia Celeste únese a esta comunicación de carácter colectivo.