«Os erros só serven para mellorar. O equipo é máis forte que todo iso, grazas a tod@s polos apoios e ánimos! #aloitacontinúa #semprecelta». Esta foi a mensaxe do porteiro na rede social. No minuto 65, Sergio sacou de porta e o balón chegoulle ao sportinguista Carlos Castro, que acabara de saltar ao terreo de xogo e aproveitouse deste agasallo para bater por baixo ao porteiro.
O meta de Catoira non estivo demasiado acertado nas últimas xornadas e xa hai algunhas voces que reclaman a súa suplencia e que sexa Rubén Blanco, xa recuperado da súa lesión de ombreiro, o titular en Liga. Tras o encontro ante o Sporting, Berizzo referiuse a este asunto e sinalou que «a portería é un posto especial, de moita confianza, no que os vaivéns non están permitidos. As oportunidades hai que pensalas moi ben». Aínda que tamén engadiu que «sempre imaxino mellorar ao equipo e se temos que facer cambios, farémolos».
Sergio Álvarez foi o porteiro revelación de Primeira a pasada tempada, logrando actuacións memorables. Este ano non está tan acertado, pero tamén foi importante nalgúns partidos, como na goleada ante o Barcelona, na que volveu tolos aos dianteiros culés coas súas moitas paradas.
Este mércores, en Copa do Rei, é probable que o titular sexa Rubén Blanco. Xa o sábado, no partido de Liga ante o Betis, comprobaremos se Berizzo continúa confiando no ‘gato’ de Catoira.