A formación socialista agardou a que as partes afectadas se pronunciasen e tras diversas reunións coas comunidades de montes e de augas, co Celta e o Concello, a executiva local decidiu mostrar o seu rexeitamento ao centro comercial previsto en Tameiga, uníndose así ao conxunto da oposición política e os propietarios dos terreos.
“Tras valorar os impactos medio ambientais, o prexuízo que lle vai supoñer o pequeno comercio da contorna, que unha comunidade de montes propietaria duns terreos teña que vendelos para un uso privado coma sería un centro comercial, que haxa que recualificar unha zona catalogada fai escasos anos coma forestal protexida para uso comercial e os escasos beneficios para a veciñanza, a militancia socialista decidiu posicionarse en contra”, informa o PSOE mosense nun comunicado.
A súa secretaria xeral, Victoria Alonso, di non comprender “a teima” da alcaldesa, Nidia Arévalo, cun proxecto que “non atende ás necesidades da veciñanza de Mos” nestes momentos e que só beneficia a unha persoa.
“Coa débeda que atravesa o concello, en vez de estar presionando a veciñanza para que apoien o proxecto debería estar vixiando a boa xestión e ao carón das veciñas e veciños que lle piden que defenda o noso monte fronte a especulación urbanística”, argumenta a representante socialista.