Bará, que ve “máis de 30 razóns para botar abaixo o proxecto”, advertiu de que o Celta “quere apropiarse do monte para facer negocios”. Na súa intervención, pediu explicacións á Xunta polo procedemento para sacar adiante o proxecto, xa que “primeiro se realizou o anuncio e despois púxose en marcha a maquinaria política para perpetrar as expropiacións”.
Desde a tribuna, o deputado do BNG insistiu en que detrás deste proxecto están “os grandes grupos internacionais que levan anos sobrevoando como voitres a zona de Vigo” e indicou que hoxe o Celta ten un propietario, “pero no futuro pode ser propiedade dun fondo de investimento catarí ou dun fondo chinés”.
Na súa resposta, o deputado do PPdeG Alberto Pazos cualificou de “actuación urbanística absolutamente normal” a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que dará cabida ao centro comercial e asegurou que o seu partido non contempla a expropiación como opción para obter os terreos necesarios.
Neste sentido, o deputado comprometeu que o Concello de Mos “non considera a expropiación forzosa dos terreos unha ferramenta válida” e avogou polo “consenso” como única vía posible. Igualmente, acusou á oposición de “ocultar que o Celta de Vigo oferta unha permuta de 360.000 metros cadrados de monte reforestado polos 180.000 metros cadrados de monte común que precisa para o seu proxecto”.
Pazos mantivo que o proxecto “só será posible se cumpre todos os requisitos legais” e criticou o “cinismo dos socialistas ao sinalar que esta infraestrutura atacará ao pequeno comercio de Vigo, cando desde o Concello vigués autorizaron grandes superficies comerciais como Vialia, Valadares, Recaré ou a futura de Porto Cabral”.