Na primeira sesión plenaria, o voceiro do grupo socialista, Carlos Font, recordou que o proxecto de remodelación de Balaídos foi consensuado polo goberno de Vigo e o Real Club Celta -quen elixiu ao arquitecto- e logo se sumou a Deputación de Pontevedra. Font esixiu da Xunta de Galicia que participe na reforma do estadio coas mesmas contías económicas que achegan os gobernos local e provincial, e que a Zona Franca convenie co Concello a construción dun aparcadoiro en Balaídos.
O concelleiro asegurou que o goberno de Abel Caballero apoiou ao Real Club Celta desde a súa chegada ao Concello e fixo posible salvar a quebra do club no 2009, coa renegociación do convenio bilateral entre as partes durante o concurso de acredores. Ademais, Font expuxo que o goberno de Vigo propuxo á Xunta de Galicia participar na reforma e «so» ofreceu apoio para as pistas de atletismo.
Na quenda dos grupos políticos, a voceira do PP, Elena Muñoz, alertou do «risco» de que o Celta marche de Vigo, acusou ao goberno vigués de estar «no máis absoluto silencio» e de «manipular» ao celtismo para «utilizalo politicamente». Sobre a participación da Xunta e Zona Franca na reforma, Muñoz afirmou que Caballero aceptou que a Xunta se encargase das pistas de atletismo. O Partido Popular abstívose na votación.
Pola súa banda, Marea de Vigo abandonou o Pleno en desacordo pola convocatoria destas dúas sesións consecutivas, un «teatro colectivo» que definiron como utilización partidista da institución. O seu voceiro, Rubén Pérez, manifestou que outros asuntos en Vigo merecen un Pleno extraordinario máis que Balaídos e requiriu informes xurídicos sobre a cuestión do estadio.
Segunda sesión
A unanimidade dos corporativos presentes na sala respaldaron a toma en consideración e posicionamento dos grupos municipais respecto da proposta do Real Club Celta de Vigo en relación ao estadio de Balaídos, único punto da orde do día dun Pleno solicitado polo PP.
Muñoz explicou a proposta do seu grupo, que pasaría por manter a titularidade de Balaídos e ofrecer unha concesión administrativa do estadio ao Celta por cincuenta ou setenta anos. Tamén demandou unha solución urbanística para que se poida construír en Vigo a cidade deportiva do club. Denunciou a edil que o Concello fai «oídos xordos», presenta «problemas» en lugar de solucións e concluíu que a política deportiva local é «lamentable».
Font, pola súa banda, reiterou que o Real Club Celta ten á súa «total disposición» o estadio de Balaídos, no que se está a acometer un proxecto de reforma consensuado e asinado por Caballero e Mouriño. O concelleiro insistiu en que o estadio non se pode vender -e o goberno vigués «non o quere vender»- e asegurou colaboración en todas as opcións que estean «dentro da legalidade».
Marea de Vigo
Pola súa banda, a Marea de Vigo decidiu non participar nos plenos e os tres concelleiros abandonaron a sesión. Rubén Pérez destacou que o Pleno foi perdendo funcións desde que existe a lei de grandes cidades e a maior parte dos temas non pasan por este órgano, certo é que “incluso os acordos unánimes que se toman neste Pleno quedan no limbo precisamente porque se lle quitan garantías aos acordos plenarios”. Así, Pérez afirmou que “o que se está a facer hoxe é darlle unha puñalada máis ao Pleno deste Concello, que debería de ser o máximo órgano de representación democrática da cidade. Por tanto, deberíamos pedirlle perdón a esta cidade por convocar dous plenos en réxime de contraprogramación.”
Con respecto ás cuestións levadas ao pleno, o grupo municipal da Marea de Vigo considera que non está xustificada a convocatoria de dous plenos para falar dunha infraestrutura como Balaídos. «Hai temas nesta cidade suficientemente urxentes como para que se fagan plenos monográficos, e a cuestión de Balaídos pode ser perfectamente tratada nun pleno ordinario, coas intervencións de fóra que sexan necesarias, pero nun pleno ordinario que conteña a documentación pertinente para abordar o tema» sentenciou Rubén Pérez.
Marea de Vigo sinala que “se pode estar un mes mais falando de Balaídos, así como un mes mais sen un informe xurídico que diga se realmente se pode acometer a reparación, se se pode manter un convenio como o que existe actualmente, ou se realmente se pode presentar a alternativa da construción dun novo estadio. Incluso sería útil saber se a proposta do RC Celta que chegou aos grupos municipais pode ter base xurídica». Polo tanto, «estes plenos carecen de contido, ao igual que os acordos que neles se tomen, posto que usamos a institución como un mero intercambio de posicións mediáticas e non de posicións políticas”, manifestou o voceiro de Marea de Vigo.
En todo caso, o grupo municipal de Marea de Vigo pide que se faga unha reflexión colectiva, e que, dunha vez por todas, o pleno sexa útil, democrático e non se convirta, por enésima vez, nun espello da clase política que hai nesta cidade.




















