“Iso é comezar a casa polo tellado e o que fas é ningunear aos donos dos terreos que parecen non pintar nada na cuestión, cando son unha parte imprescindible se queren facer algo”, indicen na formación nacionalista, que lembra que o Celta é “unha empresa privada máis” que quere trasladar unhas instalacións propias dende Vigo a Mos, como moitas firmas, pero coa diferenza de que non se muda a unha “zona habilitada” como pode ser un polígono industrial. “Se así fose, non habería ningún tipo de problema”, salientan.
O BNG emitiu un comunicado para facer un chamamento ao “sentidiño” e que se deixen de facer actos de apoio ao proxecto como o que se desenvolverá este venres no Multiusos das Pozas (20.00 horas) mentres non se teñan os terreos. Igualmente, pediron respectar as decisións que as asembleas das distintas comunidades de montes e augas poidan tomar.
Con todo, o partido aínda non se posiciona sobre a conveniencia ou non da construción do proxecto, xa que primeiro quere que sexan os axentes directamente implicados os que se entendan, quedando ao marxe os partidos políticos para non interferir. Por iso, convidou a todas as partes a sentarse e a falar para chegar a un entendemento.
Cando remate este proceso e tras recoller a información das comunidades, o BNG prevé convocar unha asemblea para votar a postura que tomarán, aínda que “ante o que a nosa militancia nos transmite, vemos case imposible que poidamos apoiar o proxecto”.