“Lonxe de buscar un consenso antes de outorgar o recoñecemento, a alcaldesa soltou a noticia sen falar previamente cos demais grupos representados no Concello”, critican os nacionalistas. Ademais, a formación censura que o venres pasado se realizara un acto no que se reuniu a decenas de escolares co futbolista, “creando un ambiente social proclive á concesión e poñendo dificultades á expresión de calquera tipo de oposición á decisión”.
Dende o BNG entenden que este acto foi organizado intencionadamente para maior gloria da Alcaldía, aproveitando deste xeito a fama dun veciño.
O grupo municipal tamén expresou as súas dúbidas sobre a idoneidade da concesión da medalla a un rapaz de 21 anos que acaba de comezar a súa traxectoria deportiva. Desde o convencemento de que “o futbolista acumulará novos e maiores méritos nos próximos anos”, a opinión do BNG é que esta decisión se tomou de forma precipitada.
Por outra banda, os nacionalistas lembran igualmente que a empresa para a que traballa Brais Méndez é o Real Club Celta e o BNG xa expresou publicamente a súa oposición a realizar actos públicos nos que o club tome parte directa ou indirectamente, xa que “se intenta posicionar a parte da poboación de Mos a favor do proxecto que o Celta pretende levar a cabo no monte de Tameiga”.
Trivializando as medallas
Coa concesión deste recoñecemento, a formación entiende que o Goberno de Nidia Arévalo “está trivializando e banalizando” a concesión das medallas.
Dende o Grupo Municipal do BNG volveron reclamar a retirada da que se lle outorgou no seu momento a Pórtico Básico, unha empresa que “deixou na rúa a decenas de persoas”.