09122019Lun
Última edición: Lun, 09 Dic 2019 6pm

"O único interese da alcaldesa de Mos, PP e Xunta é favorecer a un empresario millonario"

A portavoz socialista, Victoria Alonso, lamenta os incidentes producidos no multiusos das Pozas. Grupos ecologistas convocan unha marcha contra Porto Cabral e o centro comercial do Celta

25 Septiembre 2019 por
Valora este artículo
(3 votos)
Nidia Arévalo e Carlos Mouriño. / Foto: Arquivo Nidia Arévalo e Carlos Mouriño. / Foto: Arquivo

A portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Mos, Victoria Alonso, lamentou este mércores os incidentes producidos no multiusos das Pozas, onde se tiña convocado unha asemblea veciñal para falar do proxecto do centro comercial e á Cidade Deportiva do Celta no monte de Tameiga. 

Victoria Alonso, voceira do PSOE, lamentou os feitos e sinalou que "cómpre pararse a reflexionar sobre a actitude da alcaldesa, quen tratou de impedir o libre acceso do pobo, esixíndolle identificacións a algunhas persoas, mentres se dedicaba a meter aos seus afíns por unha porta traseira".

“Se hai unha asemblea veciñal todo o pobo debe entrar pola mesma porta e cos mesmos requisitos. Asistimos, co beneplácito da alcaldesa, da Xunta de Galicia e do Partido Popular, a un intento de recualificar milleiros de metros cadrados de solo rústico forestal protexido para convertelo en solo urbanizable en beneficio non do Celta de Vigo, senón dun empresario millonario, que é o señor Mouriño: o que se di un auténtico “pelotazo” urbanístico”, explicou.

Alonso engade que os intereses económicos dun empresario están a piques de arrasar unha parroquia “e todo coa complicidade dunha alcaldesa que non para de queixarse de que somos un concello autovía e aeroporto e pretende solucionalo con máis cemento e metendo máis viais de paso para dar servizo a Vigo e non a Mos”.

Marcha contra Porto Cabral e o centro comercial do Celta
Ademais, o colectivo Ecoloxistas en Acción, como integrantes do Movemento Galego polo Clima e dentro da semana de mobilización de Vigo e comarca polo clima, convocou para este sábado unha andaina polos montes de Cabral, onde está proxectado o complexo de ocio Porto Cabral, e Tameiga con saída ás 10:40h desde a rotonda do aeroporto, ao pé do Ifevi.

Tamén este venres, 27 de setembro, co motivo da Manifestación Mundial polo Clima, haberá concentracións ás 11:00 horas diante do Concello de Vigo e saídas desde Vía Norte as 20:00 horas. "Despois dunha semana chea de eventos e mobilizacións de concienciación sobre a emerxencia climática que vive o planeta, este luns 30 de setembro, o Partido Popular de Mos pretende aprobar no pleno unha modificación puntal do PXOM para recualificar os terreos no monte de Tameiga, agora rústicos, como edificables para posibilitar o proxecto especulativo do Sr. Mouriño", sinala Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

"Ante o desinterese en escoitar aos veciños, as plataformas de afectados, aos propietarios dos terreos e tamén a oposición, este luns debemos ir ao pleno para deixar claro que o noso futuro está en Mos, e o Mos do futuro está relacionado coa súa contorna verde, non co gris formigón nos nosos montes", conclúe.

Inicia sesión para enviar comentarios

medio ambiente

urbanismo

  • Últimas noticias

  • Más leído