18102019Vie
Última edición: Vie, 18 Oct 2019 8pm

Nidia Arévalo reunirase o martes cos veciños de Tameiga polo centro comercial do Celta

O Concello de Mos, que prognostica 2.000 postos de traballo e un millón de euros de ingresos para as arcas municipais grazas á recalificación, habilitará un departamento para atender dúbidas sobre a modificación do PXOM

20 Septiembre 2019 por
Valora este artículo
(7 votos)
Nidia Arévalo, cos xogadores do Celta na visita realizada este xoves ás obras da cidade deportiva. / Foto: RC Celta Nidia Arévalo, cos xogadores do Celta na visita realizada este xoves ás obras da cidade deportiva. / Foto: RC Celta

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reunirase con todos os veciños da parroquia de Tameiga o vindeiro martes 24 de setembro, nun encontro que terá lugar no Multiusos das Pozas e no que a rexedora explicará aos comuneiros os beneficios que ve na recalificación dos terreos para que o Celta poida abrir un centro comercial na vila.

Arévalo intentará convencer aos titulares das parcelas para que vendan as súas propiedades ao club vigués, que xa está a construír a parte deportiva das súas futuras instalacións. Cinco días despois a rexedora convocará a toda a veciñanza de Mos, no mesmo emprazamento, para explicar en detalle aos mosenses a “oportunidade” que o proxecto representa para o municipio.

Ademais, o Concello de Mos informou este venres de que habilitará un departamento específico para atender dúbidas sobre esta modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que se levará ao pleno do próximo 30 de setembro. Neste cambio contémplase o uso dotacional de terreos actualmente clasificados como rústicos de protección forestal.

A partir do primeiro de outubro, e durante un prazo de dous meses, todos os veciños poderán presentar alegacións e expoñer e resolver as súas dúbidas con dous técnicos municipais, un xurídico e un arquitecto, que estarán a súa disposición na casa consistorial en horario de mañá.

Este mesmo venres ese documento de modificación puntual foi enviado a toda a Corporación Municipal para que os partidos da oposición poidan coñecelo polo miúdo e votar no pleno que se celebrará en dez días.

Máis de 2.000 postos de traballo
Segundo o Concello, a modificación puntal do PXOM de Mos “nace da necesidade de cambiar o uso actual do solo para aproveitar as potencialidades  do concello para localizar novos investimentos cos que mellorar a calidade de vida dos seus case 15.000 habitantes”.

A memoria económica do proxecto prevé a creación de máis de 2.000 novos postos de traballo e un incremento na recadación anual impositiva de máis dun millón de euros. Tamén aportará ás arcas do Concello de forma puntual máis de sete millóns de euros.

“O proxecto beneficiará, tamén, a conectividade interna da vila (dividida agora por unha autovía) e mellorará os servizos urbanos, ademais de que colocará a Mos como un referente internacional en materia deportiva. Permitirá a mellora da conexión de importantes equipamentos de carácter metropolitano como son o Hospital Álvaro Cunqueiro ou o campus vigués da Universidade de Vigo. Tamén prevese a mellora ambiental e paisaxística de máis de medio millón de metros cadrados de monte que se reforestarán con especies autóctonas conformando un parque de uso público e unha mellora importante nas redes veciñais de auga existentes no ámbito, garantindo a  conservación e renovación das actuais infraestruturas”, salienta o Concello.

Igualmente, a administración local asegura que o proxecto suporá crear novas infraestruturas públicas para o municipio por valor de 41,6 millóns de euros e un investimento total duns 200 millóns de euros “co conseguinte impacto na dinamización da industria e, en xeral, na economía local e de toda a área metropolitana”.

Inicia sesión para enviar comentarios

sucesos

economía

economía

  • Últimas noticias

  • Más leído