Así o confirmou este xoves o presidente da Federación Galega de Fútbol Rafael Louzán nunha rolda de prensa para dar a coñecer detalles sobre o partido entre Galicia e Venezuela. O dirixente precisou que o anuncio será «inminente» porque está «practicamente pechado». Nos dous últimos anos o Celta e o Deportivo xogaron un amigable de pretempada a beneficio do fútbol galego e este verán o enfrontamento será na outra beira do Atlántico.
«Imos levar o derbi galego máis aló das fronteiras de Galicia. É unha oportunidade histórica que se despracen a Latinoamérica, que xoguen en estadios míticos por Hispanoamérica. É outro gran paso que dá a Federación con moito esforzo de Celta e Dépor e a Federación», indicou Rafael Louzán.
A data para o partido aínda non se coñece e, en parte, pode depender do posto no que remate o Celta a tempada e, en consecuencia, das roldas previas da Europa League que teña que xogar o equipo vigués. En todo caso, é probable que ademais do derbi galego tanto Celta como Deportivo aproveiten o desprazamento transoceánico para concertar outros amigables con equipos da zona. Unha xira americana de pretempada.