Pero se non esquecemos quen somos nin de onde vimos, caeremos na conta de que tamén eramos grandes antes deste partido histórico, e de que o seguiremos sendo moito tempo.
Porque tamén fomos grandes cando os rivais eran moito máis humildes pero a nosa ilusión igual de forte, non hai tanto. Cando o celtismo aguantaba a treboada dos malos tempos, a causa do Celta era igual de importante que agora. Tan digno foi o noso escudo cando un rapaz de Moaña apareceu para evitar que caésemos ao pozo, que cando o mesmo rapaz fixo unha desfeita ao campión, hai apenas unhas horas.
Somos grandes cada vez que os celtistas fan quilómetros para alentar ós nosos onde quer que xoguen. Teñamos a cabeza ben alta por saber que o Celta estará acompañado mesmo na fin do mundo. É vitoria memorable cando na inmensidade do Santiago Bernabéu só se escoita a un cento de celtistas, e tamén cando en Huelva miran a media ducia deles como chegados doutro mundo. Somos fortes pola unión que se xesta nesas aventuras, nas que xorden amizades, proxectos, e mesmo peñas entre quens antes eran descoñecidos. Que alguén diga que iso non é grandeza.
Medramos xigantes cando un rapaz, nado nun mundo que o asoballa para ser merengue ou culé, pide aos reis magos unha equipación do Celta. Cando, preguntado por «Messi ou Cristiano», resposta «Nolito”. Tamén cando persoas de calquera parte do mundo, a cotío sen relación aparente con Galicia, comezan a seguir ao Celta con toda a paixón, pese ao baleiro mediático no que habitamos.
Somos grandes cando nos amosamos irredutibles na derrota e humildes na vitoria. Cando recibimos coa natural hospitalidade galega aos visitantes e deixamos pegada, non podemos ter envexa de ninguén. Somos grandes en cada xuntanza, en cada previa e tódalas esmorgas, nos cánticos e nas apertas tras un gol, as veces con algún descoñecido que sen embargo é coma o noso irmán por uns intres.
O de onte foi impresionante. Falaremos diso mentres teñamos memoria, pero a nosa grandeza vai mais aló dunha xesta, dunha data, dun nome. Estas cousas forxan o noso camiño e énchennos de ledicia, pero a nosa grandeza non é só iso: A paixón pola celeste, diaria, incondicional e sempre compartida, a nosa afouteza e corazón, é a meirande das grandezas. Esa é invulnerable aos embates da vida, non mingua nin se agocha, lévase dende o berce ata a tumba.
E agora, a seguir pelexando o camiño do celtista, que non sempre é tan espectacular coma onte, pero abofé que pagará a pena. De modo que agora… IMOS A EIBAR!
Onte hoxe e sempre Celta!»
IRMANDIÑOS 1923