No comunicado, o colectivo, que agrupa 140 peñas, asegura que o mal estado de Balaídos, especialmente da bancada de Marcador, «poñe en risco a integridade dos afeccionados que acoden ás instalacións municipais», polo que esixen que o Concello, como responsable do estadio, «proceda a arranxar estas deficiencias para evitar que se poida chegar a producir unha desgraza».
A Federación de Peñas sinala tamén que ademais de aos afeccionados tamén pon en perigo aos viandantes, «debido a que existe un evidente risco de caída de cascotes no exterior do estadio».
Tamén reclama «solucións para a bancada de Gol, que comeza a sufrir os mesmos danos que no caso de Marcador debido á falta de mantemento da estrutura».
Por último, informa de que «xa se ten presentado no seu momento un escrito, a través de rexistro, dirixido ao Concello de Vigo, no que lle solicitaba ao Goberno Local a posta en marcha de medidas e obras que permitisen manter a seguridade no estadio, unha petición que, á vista está, non foi atendida, xa que o problema segue a persistir».
Lembremos que o Concello remitiu este sábado un comunicado no que aseguraba que a seguridade en Marcador «é total» e no que anunciaba que se acometerán obras para solucionar os «danos menores» que presenta a bancada.