25082019Dom
Última edición: Sáb, 24 Ago 2019 10pm

O balonmán de todo o Planeta pon o seu foco en Vigo e Pontevedra

A Deputación, xunto aos concellos de Pontevedra e Vigo, é o principal apoio do campionato internacional que xa acolleu a provincia fai 30 anos

16 Julio 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Carmela Silva, durante o acto de inauguración. / Foto: Deputación de Pontevedra Carmela Silva, durante o acto de inauguración. / Foto: Deputación de Pontevedra

Todo está xa preparado na provincia de Pontevedra para acoller o Campionato do Mundo de Balonmán Júnior 2019, que converte desde hoxe a Pontevedra e Vigo nas capitais mundiais deste deporte ata o 28 de xullo, día no que a cidade olívica acollerá a gran final.

Os primeiros partidos do torneo teñen lugar este mércores, entre Islandia e Chile no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra e Exipto a Australia no Complexo Deportivo “As Travesas” de Vigo.

Na primeira xornada do torneo, que supón a estrea para as 24 seleccións participantes, o debut da España de Isidoro Martínez terá lugar no Municipal de Pontevedra ás 21.00h, cun partido no que os #HispanosJúnior xogarán ante os Estados Unidos. Amais do partido, celebrarase o acto inaugural, no que participará a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente da IHF, Hassan Moustafa, e o presidente da RFEBM, Francisco Blázquez.

A Deputación de Pontevedra, en consonancia coa súa firme aposta polo deporte e a colaboración cos grandes eventos internacionais, é o principal apoio da organización xunto aos concellos de Vigo e Pontevedra de este importante Campionato do Mundo que xa acollera a provincia no ano 1989, nun torneo recordado como o mellor Mundial Júnior da historia. Aquel torneo foi o sexto da historia, 12 anos despois do primeiro Mundial Júnior, que foi organizado por Suecia. O primeiro Campionato do Mundo, ao igual que o de 1989, foi gañado pola Unión Soviética, que aínda encabeza o palmarés con 5 ouros.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou hoxe que “estamos a falar dun gran evento no que van participar 400 deportistas, decenas de técnicos e ata onde se desprazarán numerosas televisións de todo o mundo, convertendo á provincia no centro mundial dun deporte do que somos líderes”. Neste eido Silva destacou que “o balonmán é un deporte moi practicado na provincia, e sendo unha referencia en moitos momentos da nosa historia nos que chegamos a ter a ata catro equipos na Asobal o que nos converteu na milla de ouro do balonmán español”. Finalmente, a presidenta animou a asistir aos pavillóns de Vigo e Pontevedra para “desfrutar destes grandes equipos cuxos xogadores van ser o futuro inmediato do balonmán mundial. Demostrémoslle ao mundo que todo o que facemos na provincia é un grande éxito e apoiemos xuntas e xuntos á selección española que esperemos volva a ser campioa do mundo de novo”.

A partir de hoxe e durante 13 días celebraranse un total de 92 partidos, todos eles emitidos en streaming, que rematarán o domingo 28 de xullo coa gran final, que servirá para coroar ao equipo que recolla a testemuña da selección española que levantou o título en Arxelia en 2017. Todos os partidos dos #HispanosJúnior durante o torneo serán retransmitidos por Teledeporte e pola TVG. Para este importante evento, que ten a consideración de acontecemento de excepcional interese público, chegarán á provincia máis dun centenar de xornalistas de máis de 11 países diferentes e amais de España, outros 17 países, como Francia, Alemaña, Hungría, Exipto ou Tunisia, mercaron os dereitos televisivos do Mundial.

Na primeira ronda, tras o partido ante os Estados Unidos, España trasladarase a Vigo, onde xogará ante Tunisia (xoves 18 de xullo ás 21.00h), Serbia (venres 19 de xullo ás 21.00h), Xapón (domingo 21 de xullo ás 21.00h) e Eslovenia (luns 22 de xullo ás 21.00).

Os grupos desta fase preliminar están configurados da seguinte maneira:

• Grupo A (Vigo): Eslovenia, España, Serbia, Tunisia, Estados Unidos e Xapón.
• Grupo B (Vigo): Francia, Exipto, Suecia, Nixeria, Australia e Corea do Sur.
• Grupo C (Pontevedra): Portugal, Croacia, Hungría, Brasil, Kosovo e Bahrein.
• Grupo D (Pontevedra): Alemaña, Islandia, Noruega, Arxentina, Chile e Dinamarca.

Tras esta fase de grupos, en caso de clasificarse, España, que chega como favorita xunta a seleccións como Eslovenia, Francia, Croacia, Portugal ou Alemaña, xogaría o seus cruces de oitavos e cuartos de final en Pontevedra. A fin de semana final, ao igual que todo o torneo, dividirase entre a sede de Pontevedra que acollerá as semifinais, e a sede de Vigo, que será o escenario da gran final e da loita polo bronce.

Inicia sesión para enviar comentarios

sucesos

navidad 2019

transporte

celta

patrimonio de la humanidad

  • Últimas noticias

  • Más leído