Tal e como explicou a concelleira de Benestar Social, Isaura Abelairas, esta edición terá lugar nas instalacións de atletismo de Balaídos, onde participarán deportistas con discapacidade intelectual de toda Galicia.
Pola súa banda, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández , pediu “o máximo apoio dos medios de comunicación e da cidadanía en xeral, para promocionar este tipo de actividades, que aportan autoestima ás persoas con discapacidade intelectual e permiten a mellora da súa calidade de vida. E importante que valoremos ás persoas polas súas posibilidades e non polas súas carencias”.
Os Xogos seguirán as regras básicas dos eventos organizados por Special Olympics establecéndose tres niveis de participación en función dos coñecementos que os deportistas teñen das regras así como das súas capacidades físicas. Os atletas competirán nas probas de velocidade, medio fondo, fondo, salto de lonxitude, salto de altura, lanzamento de peso, marcha, marcha asistida ou lanzamento de bola (softball), entre outros.
Special Olympics Galicia, Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de Persoas con Discapacidade Intelectual, é unha organización sen ánimo de lucro creada no ano 2000, que traballa pola promoción e a inserción social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.