O xoves 12 de xuño ás 20:30 horas, a asociación Cultural Évame Oroza acollerá o recital Voz Évame, unha actividade especial que supón a culminación do obradoiro de voz que a poeta e escritora Graciela Baquero impartiu nos últimos meses no local da entidade.
Se as condicións meteorolóxicas o permiten, o acto celebrarase ao aire libre na Praza do Abanico, xusto diante da sede da asociación.
O taller desenvolveuse todos os martes entre febreiro e xuño en horario de 18:00 a 20:00 horas, centrado na voz como ferramenta creativa e expresiva, traballando a oralidade, a lectura e a interpretación poética.
No recital participarán as persoas que formaron parte do obradoiro: Ángeles Mínguez Hermida, Miguel Vigo, Patricia Rivas Gallego, Carme Pereiro Oliveira, Xosé Duarte Rañó, Oliva Castillo e Irene Esperón, que estarán acompañadas pola súa mestra e guía neste proceso, Graciela Baquero.
- Día: 12 de xuño
- Hora: 20:30 horas
- Lugar: Local da asociación Évame Oroza (Subida á Costa, 5 – Praza do Abanico – Casco Vello Alto de Vigo)