Neste enclave único terá lugar dende ás 20.00 horas e de xeito gratuíto os concertos de Blue Monk e Bliusvai o venres 21 de xullo e de Dous, Moon Cresta e San Rockers o sábado 22, todos eles con fondas raíces en Nigrán. O obxectivo é gozar da música ao aire libre e nunha contorna privilexiada, no cumio de Monteferro, un palco proxectado cara ao Atlántico sobre o máis grandioso dos escenarios. Neste enclave único, fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, os “solpores” permitirán vivir experiencias musicais aumentadas: un xeito distinto de desfrutar dun concerto, cos cinco sentidos postos na contorna e sumando ao ritmo das ondas o das mellores actuacións en vivo.
O Concello de Nigrán quere con este evento promocionar e por en valor un espazo tan espectacular como Monteferro ao tempo que ofrece aos grupos locais unha oportunidade de promocionar o seu traballo no mellor dos escenarios posibles. «Dende o goberno apostamos por concertos ao aire libre en lugares de indubidable encanto, como xa é o Nigranjazz na Foz ou como será Vive Nigrán en Praia América. Os ‘Solpores’ veñen para quedarse no noso calendario estival. En cada edición desfilarán grupos distintos da nosa localidade porque é o noso deber apoialos e porque somos coñecedores da súa valía», afirma Juan González, alcalde de Nigrán.
VENRES 22, DENDE AS 20:00 HORAS
BLUE MONK é un trío musical xurdido en Nigrán no 2009. Composto por Pablo A.Prego á guitarra, David A.Prego ao baixo eléctrico Alejandro Vilas á batería, a súa finalidade é «resucitar» a música de baile de tódolos tempos rescatando os grandes éxitos da historia da música. Así, o seu estilo vai dende o jazz e o swing máis clásico ata o Pop-Rock actual ou rock&roll máis exixente, pop, soul ou rithm & blues.
BLIUSVAI é un proxecto artístico de música ecolóxica a cargo de Rubén Fernández e Macarena Palacios á dirección artística. Rubén ven de ser profesor no taller Musicat (onde estudiou clase de canto Salvador Sobral, actual gañador de Eurovisión) e agora afronta o reto de en Mayeusis . A voz, coma elemento primitivo e ancestral, ten unha infinita capacidade para xerar texturas, e aquí constrúe os elementos melódicos e harmónicos básicos dunha sonoridade que convive cunha escenografía única en sinerxía coa propia música. Unha performance musical orixinal e vangardista chea de forza e ritmo.
SÁBADO 22, DENDE AS 20:00 HORAS
DOUS son Pablo Carrera á guitarra e Fernando Abreu ao clarinete, un dúo xurdido en Nigrán no ano 2008 e que está a piques de lanzar o seu segundo disco, “A viaxe de Yoyo”. O dúo propón unha viaxe sonora a través dos sentidos empregando a improvisación e a experimentación e bebendo da música popular de América, Europa e África para crear pezas de autor.
MOON CRESTA é o resultado de sumar esforzo, xeito, creatividade e a afouteza de catro músicos baixo o emblema do Power & Funk. Os seus alicerces son Manu “Doble L” á guitarra, Sergio “Sir” Puga como baterista, David “Mr. D.” Vázquez á voz e teclados, e Antón F. “Piru” no baixo. Formado a finais de 1998 en Nigrán, o recoñecido grupo sacou á luz no 2016 o seu terceiro disco, “Moonary”.