Baixo a dirección de Miro Moreira e coa soprano Aida López e o barítono Pablo Neves, o Orfeón Terra a Nosa interpretará ‘Un réquiem alemán’ (versión de Londres) de Johannes Brahms coas pezas ‘Benaventurados os que sofren’, ‘Pois a carne é como a herba’, ‘Señor, ensíname’, ‘Que amables son as túas moradas’, ‘Agora estades tristes’, ‘Pois aquí non temos un lugar perdurable’ e ‘Bienaventurados os que morren’.
As entradas están á venda na web Ataquilla. com para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Ademais, Afundación conta cunha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que comporta unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.
O Orfeón Terra a Nosa foi fundado en Santiago de Compostela polo pai franciscano Manuel Feijoo. Miro Moreira é o seu director desde 1984. Actualmente conforma, nas súas distintas facetas de coro sinfónico, coro de cámara, pequenos cantores ou solistas, unha institución orientada á valorización e consolidación de actividades relacionadas cos ámbitos coral e vocal, dedicando especial atención á recuperación do patrimonio histórico musical de Galicia.
Recibiu dúas veces o primeiro premio na modalidade de polifonía no certame de Torrevieja (1974 e 1982) e o primeiro premio de masas corais galegas en Lugo (1976). En 1992 concedéuselle por unanimidade o Premio da Crítica Galega en recoñecemento á súa rigorosa carreira musical e recibiu no ano 1994 do Concello de Santiago de Compostela a Medalla de Prata ao Mérito Artístico da cidade.
Colabora na interpretación do repertorio sinfónico coral clásico e ópera coas Orquestras Sinfónica de Galicia e Real Filharmonía de Galicia, realiza xiras e participa en festivais internacionais.
Miro Moreira
Licenciado en canto polo Conservatorio Liceo de Barcelona, como contratenor solista realizou numerosos concertos por España, Europa e América, formando parte de grupos dedicados á música antiga como Capela Compostelá, Capella Reial de Cataluña, Ao Ayre Español, así como en formacións orquestrais como a Orquestra Nacional de España, Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Sevilla, Orquesta Sinfónica de Galicia ou Sinfónica Nacional de Portugal. Realizou gravacións de mestres de capela españois como García Salazar, J. de Vaquedano e J. B. Comes, a Misa Solemne Unus Deus e Requiem de M. Lopez para a Colección de Música Clásica Galega editados pola Xunta de Galicia.
Desde 1984 é director do Orfeón Terra a Nosa e en 1988 foi nomeado director da Capela Musical da Catedral de Santiago. Colaborou en montaxes sinfónico-corais e operísticos con directores como J. Savall, A. Ros Marbá, V. P. Pérez, P. Daniel, E. Colomer, E. Ricci. etc. Na actualidade é profesor asociado de formación vocal e auditiva na Universidade de Santiago. No ano 1995 fundou o coro da Facultade de Ciencias da Educación e desde o ano 1999 dirixe o Coro Universitario.