O Recinto Feiral de Vigo acolle este domingo a partir das 17:00 horas da tarde o III Certame de Rondallas de Vigo co que o Concello quere «poñer en valor e manter a tradición» deste movemento musical e folclórico dun «valor excepcional», en palabras de Abel Caballero.
O rexedor sinalou que as rondallas son propias dunha zona concreta – Vigo, Mos, Gondomar, O Porriño-, e que axudaron a manter o folclore e a fusionar diferentes formas de entendelo que implicaban a toda a parroquia que buscaban instrumentos musicais elaborados ou rudimentarios cos que facían a música tanto das rondallas como dos Ranchos de Reis.
Na edición do vindeiro domingo no IFEVI participan 13 rondallas: as viguesas CCAR Valladares, CC Helios de Bembrive, CSRC de Beade, CCV de Zamáns e CC de Freixo; tres de Mos: CC Santa Eulalia, CC de Herville e CC Santiaguiño de Guizán, dúas de Porriño: CC de Atios e AC de Pontellas; unha de Nigrán: CC Parada e dúas de Gondomar: a Nosa Merced de Chaín e CC de Vincios.
O certame está organizado e financiado por Concello, coa cooperación da Deputación de Pontevedra.