11112019Lun
Última edición: Lun, 11 Nov 2019 7pm

Joris Roelofs, Szymon Mika e un ‘fin de festa’ con Miss C-Line, atractivos do Canjazz 2019

A organización deu a coñecer os principais concertos deste ano con varias referencias ao pasado e desvelará o resto da programación desvelarase durante o concerto de presentación ofrecido por GDJazz Trio

09 Agosto 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Miss C-Line. Miss C-Line.

O Festival Internacional de Jazz de Cangas celebra os seus 40 anos de historia cun amplo programa de concertos e actividades pensado para todos os públicos e, coma sempre, sendo fiel ao seu espírito de traer á vila algunhas das mellores propostas de jazz do momento.

Para conmemorar este aniversario a organización do Canjazz recuperou un dos primeiros carteis do festival, o de 1981, agora rexuvenecido para a ocasión. Tamén haberá unha mesa redonda na que participarán practicamente todas as persoas responsables de darlle vida ao evento ata hoxe en día, actuacións de músicos moi vinculados á súa historia, como o pianista Abe Rábade e un concerto ‘fin de festa’ no Chiringo de Massó, coa cantante e produtora de de hip-hop, jazz e RnB, Miss C-Line.

A delicadeza sonora do dúo formado polos portugueses Rita María e Filipe Raposo, inaugurará o escenario do Eirado do Costal a noite do domingo 18, cun proxecto ecléctico, a través do cal a cantora e o pianista dan a coñecer o universo musical que os inspira, que bebe de fontes tan diversas como a música tradicional ibérica, a brasileira, a portuguesa, os estándares de jazz, o barroco inglés, o impresionismo francés e mesmo o cinema.

O luns 18, na Praza do Arco, ás 13:00 horas, terá lugar a primeira sesión vermú deste 2019 de mans de O'PO-llective. Este colectivo defínese como un laboratorio ambulante no que todos os investigadores sonoros aportan pequenas partes dos seus últimos experimentos. A banda está formada polos galegos Yudit Almeida no contrabaixo e Antón Iglesias na batería, ademais do trombonista Gil Silva, o saxofonista João Paulo Silva e o guitarrista Joaquim Festas.

Xa pola noite, un dos representantes máis destacados da escena portuguesa do jazz, o guitarrista André Fernandes, estará acompañado pola súa banda Centauri para presentar 'Draco', un disco "inspirado polas estrelas e galaxias, pola imaxinación, a espiritualidade e a ciencia", cheo de enerxía e coa inconfundible pegada de André Fernandes.

Un dos concertos máis especiais deste 2019 correrá a cargo de Joris Roelofs o martes 20, ás 13:00 horas, na Capela do Hospital. O clarinetista baixo neerlandés, distinguido mundialmente polas súas colaboracións con artistas da talla de Brad Mehldau ou Lionel Loueke, fará un concerto a solo, no que se convivirán a música e a filosofía cunha grande carga de improvisación.

Unha mostra do mellor jazz galego chegará ao Eirado do Costal o martes pola noite de mans de Abe Rábade Trío, quen presentará o seu novo disco, ‘Doravante’, no que conviven composicións orixinais, versións de música tradicional galega, estándares de jazz, un clásico da música cubana e a transcrición harmonizada dun discurso falado. O pianista compostelán é un dos músicos galegos máis prolíficos e recoñecidos, e ten unha forte relación con Cangas, xa que estivo involucrado durante anos na organización do Canjazz e impartiu os primeiros cursos de jazz na vila, alá polo ano 2000.

O Maikel Vistel Quartet dará vida á última sesión vermú deste 2019. A formación do saxofonista cubano ofrecerá un concerto ás 13:00 horas, na Taberna Cambika, cun repertorio ligado á súa terra e raíces, combinadas cun son contemporáneo, cálido e persoal.

A banda liderada polo guitarrista polaco Szymon Mika porá o broche de ouro aos concertos do Eirado do Costal cunha proposta musical de altísimo nivel. Mika, recoñecido polo seu son e técnica virtuosa, acumula premios e recoñecementos como os de Peter Bernstein, Mike Stern ou John Abercrombie, que teñen demostrado publicamente a súa admiración polo polaco.

Concerto de presentación e fin de festa
Como novidade e con motivo do corenta aniversario do Canjazz, a última noite, a cantante e produtora suíza Miss C-Line actuará no Chiringo de Massó a partir das 00:00 horas.

O domingo 11 de agosto, no Restaurante Menduíña de Aldán, terá lugar o concerto de presentación con GDJazz Trio liderado polo trompetista Javier Pereiro e darase a coñecer o resto da programación deste 2019.

Inicia sesión para enviar comentarios

sucesos

mar

navidad

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos